por Manuel Bragado no Nós Diario:
Cando lin as declaracións do Conselleiro de Cultura con motivo da entrega ao coordinador do Plan xeral de Normalización (PXNLG) dos resultados dunha Enquisa sobre percepción social do galego, elaborada sobre unha mostra de 1.200 familias, polo Instituto Sondaxe, empresa que forma parte da Corporación Voz de Galicia, convencinme de que o equipo de José López Campos colleulle definitivamente os talentos aos expertos convocados para facerlle fronte á crise de uso do galego. E quen me coñece sabe que nunca foi o meu estilo comerlle a figura a ninguén, forma elegante na fala viguesa de botarlle a alguén unha filípica ou poñelo podre. Máis desta vez a audacia de López pode saírlle furada na súa teimosa determinación de non modificar nin un grao a deriva da actual educación lingüística. E como pola arandela baila a cadela, o conselleiro non agocha o seu entusiasmo á hora de anunciar os datos do estudo dunha empresa privada –poñéndoos á mesma altura dos datos do IGE e dos incumprimentos do 5º e 6º informes do comité de expertos da Carta Europea das Linguas– que conclúe que "en xeral as familias galegas están moi satisfeitas ou satisfeitas co uso do galego no sistema educativo". Para seguir con toda a cara lavada que sobre "as preferencias de uso do idioma no ámbito escolar, un 55,2% considera que a situación actual do uso do galego no sistema educativo debía manterse sen cambios". Falou Varela, dicimos en Vigo. A crise do galego non era para tanto e o decreto 79/2010 non se toca, que para iso as familias están moi satisfeitas e "non queren que se impartan máis materias en galego ou seguir o modelo de inmersión lingüístico". Diante desta doutrina de quen paga manda, agoiro que os expertos contarán con marxe escasa para propoñer, fóra da chegada xa anunciada de Xabarín aos patios. Regresa o discurso conformista da cordialidade, segundo capítulo daquel de imposición do galego. Mágoa que o equipo de López queira enfiarnos aos mestres galeguistas polo cu dunha agulla. Madia leva!
Ningún comentario:
Publicar un comentario