por María Reimóndez no Nós Diario:
Hai xa tanto tempo dende a introdución do infame e mal chamado "Decreto do plurilingüísimo" que a súa nova normalidade semella facernos esquecer os vimbios cos que foi creado e como estes volven renacer de tanto en tanto, por exemplo coa suposta enquisa sobre a "percepción social do galego".
Non vou entrar en todos os puntos totalmente delirantes de facer unha enquisa dese tipo para tentar invisibilizar os datos do IGE. Tampouco na manipulación política habitual do PP galego que pasa de facer da lingua un problema de magnitude cósmica ("el gallego se impone") a finxir que vivimos nunha bilingüe arcadia feliz ("bilingüismo harmónico"). A suma total de ambas estratexias é deixar a lingua esmorecer, atacala nas bases (imposible sentir afecto, relevancia e importancia con respecto a unha lingua que se descoñece) e actuar con total desidia ante os problemas urxentes de percepción social do galego.
A idea das "enquisas" é unha das estratexias favoritas da dereita, por iso tivo tanta aceptación o delirante proceso de deixar decidir as familias a lingua do ensino nas fases máis temperás. O capitalismo voraz levado a este terreo é tan absurdo como deixar decidir ás familias que non se van impartir matemáticas, só que cun impacto moito maior. Porque, no fondo, que unha poboación coma a galega, que, cunha educación en galego, podería estar conformada por cidadanía verdadeiramente bilingüe, coa chave para traballar en Portugal, con autoestima e valoración do propio con todo o que iso implica a nivel económico e ambiental, prefira a educación en castelán (que unicamente levará ao monolingüismo) é síntoma dunha enfermidade que as institucións públicas teñen como obriga curar. Esa enfermidade é, precisamente, a percepción social da lingua. Iso é o que a xente expresa querer cando lle preguntan por certos temas. Mais igual que non podemos admitir que a opinión xeral racista, capacitista ou tránsfoba exclúa persoas dos espazos, tampouco podemos permitir a exclusión do galego porque é "o que a xente quere". "A xente" é habitual que parta do prexuízo, o que non é admisible é que os poderes públicos o reforcen, no canto de erradicalo.
Ademais, participar no deseño do ensino non é contestar enquisas deseñadas precisamente para reforzar as ideas negativas que xa existen socialmente sobre a lingua, senón establecer canles para que as familias poidan co-construír a escola co profesorado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario