por Bieito Lobeira en Nós Diario:
Poñamos que falo dun caso ficticio. O dun estudante galego calquera, matriculado nun grao que na Galiza só se pode cursar na UNED, porque o resto de universidades públicas deste país non o imparten. O alumno en cuestión realiza os seus estudos dende un dos centros radicados na Galiza, e é tamén na Galiza onde se examina. Inxenuo el, realiza todo o seu labor como estudante en galego. Na oralidade, na elaboración de traballos de avaliación e, naturalmente, nos exames. Nunha das materias resulta declarado "non apto" (suspenso) pola única razón de que "el examen se ha redactado en gallego" (sic).
Até onde sabemos o estudante imaxinario reclama, sen éxito, diante desa universidade. Despois de esgotada a vía administrativa ordinaria, e grazas ao apoio d'A Mesa pola Normalización Lingüística, que afortunadamente existe, acaba por presentar demanda xudicial por discriminación. En Madrid ten que ser, por estar radicada alí a sede central da UNED. Xa non é polo dereito individual do estudante, senón por abrir unha cuña democrática e sentar precedente para o resto do estudantado galego. Cuestión de democracia.
Non foi unha sorpresa que un xuíz, precisamente de Madrid, decidise ("fallase": nunca ese verbo expresou tan ben o outro sentido, de erro) que este estudante non tiña razón. Con incríbel naturalidade afirma que para o uso do galego cómpre pedir permiso, e no caso de usalo, "siempre previa concesión de la autorización para ello". E só para as teses. Nunca para os exames. Peculiar concepción do exercicio dos dereitos a que teñen en Madrid.
Creo que se lle escapa a este señor que unha parte cada vez máis significativa de galegos e galegas xa non pedimos permiso para sermos nós, e tampouco para usar o galego. E non o faremos nunca máis. Aínda que a realidade é teimuda, e demostra que non todos somos iguais no Estado español. Español pode falar calquera cando quere e onde quere. Galego, non. O noso estudante ilusorio coñece outro compañeiro de estudos, que cursa o mesmo grao, mais é dun concello próximo a Salamanca. Dáse a circunstancia de que os dous estudantes pagan os seus impostos e pagaron tamén a súa matrícula para sosteren unha universidade pública e estatal como é a UNED. Mais hai unha diferenza entre o estudante salmantino e máis o noso: un ten dereito a utilizar a súa lingua propia. O outro non. Acaba o xuíz sentenciando que "no resulta posible la utilización de lenguas cooficiales diferentes al castellano".
Dáme a impresión de que este alumno, até onde o coñezo, non vai torcer. Agora vai recorrer á Audiencia Nacional. E os seus exames, polo que di, vainos continuar facendo en galego, sen pedir permiso. Pase o que pase. Houbo quen sentou nos bancos reservados aos brancos no autobús, e acabou triunfando a xustiza.
PS: Xa pode esperar sentado o estudante imaxinario se pretende obter algún apoio ou axuda da Secretaría Xeral da Lingua. Con pacto ou sen pacto, non están para iso. Que faríamos nós sen A Mesa e a plataforma Queremos Galego?
Ningún comentario:
Publicar un comentario