Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 18 de febreiro de 2025

Paos na roda ao pacto pola lingua


 por Xoán Antón Pérez Lema no Correo Gallego:

Os dirixentes do PPdeG, como Penélope de Ítaca, semella que son quen a destecer pola noite o que outras persoas e entidades cunha mínima sensibilidade de País tentan tecer polo día. Hai dúas semanas era o veto á proposta do BNG de recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia, que constituíu unha emenda á totalidade a respecto do acordo da Mesa do Parlamento que preside o popular Santalices de recoñecemento fundacional do autogoberno galego ao Consello de Galiza e, xa que logo, da presidencia de Castelao. Agora é a difusión pola Xunta dunha enquisa de só 1.200 entrevistas (por certo contratada cunha empresa privada cando a Xunta conta co Instituto Galego de Estatística-IGE-, cunha moi longa experiencia en enquisas periódicas sobre hábitos lingüísticos neste país, a última en outubro con 9.200 entrevistas ) na que seica a maioría dos pais defenden que non mude a presenza do galego como lingua vehicular no ensino, fronte a case un 27% que queren máis galego e algo máis dun 6% que queren menos galego.

 

 

 

Deste xeito semella xerarse un relato de que «o galego non está tan mal entre a xuventude» e, por riba de todo «a xente non quere máis galego nas escolas» dende unha absoluta falla de rigor científico, que si está adoito presente nas enquisas do IGE e nos estudos da Academia Galega (RAG) e do Consello da Cultura Galega. Conecta esta enquisa co reiterado rexeitamento do presidente Rueda a modificar o Decreto de plurilingüismo de 2010, que dificulta o emprego do galego como lingua vehicular nas escolas infantís, vetándoo nas áreas de matemáticas, física e tecnoloxía nos ensinos básico, secundario obrigatorio e de bacharelato e reducíndoo de feito a porcentaxes ben máis baixos ca o 50% de mínimo sinalado no Plan de Normalización Lingüística de 2004, aprobado pola unanimidade do Parlamento de Galicia. Un Plan na práctica desbotado por Feijóo ao chegar á Xunta en 2009.

 

 

O PPd G sabe que é imposíbel un pacto pola lingua que non revise integralmente o devandito Decreto. Malia recoñecermos que a situación do galego non ven xerada só polo sistema educativo, o certo é que este segue a desgaleguizar crianzas que veñen da casa falando galego. Expertos en sociolingúística como o profesor da USC e académico da RAG Henrique Monteagudo din claramente que o galego non poderá recuperarse sen un substancial alargamento cuantitativo do seu rol de lingua vehicular do ensino. A Carta Europea das linguas rexionais e minoritarias, subscrita polo Estado español e, xa que logo, Dereito aplicábel establece o dereito a unha liña de ensino en galego ao longo de todo o ‘iter’ educativo.

 

En realidade o pacto polo galego sería relativamente doado se a Xunta recoñecese os feitos reflectidos polo IGE, RAG e Consello da Cultura e propuxera alicerzar o pacto na actualización do Plan de 2004 e nas conclusións do comité de expertos do Consello de Europa a respecto da aplicación da devandita Carta Europea das linguas. Mais, polo de agora, as boas intencións do Secretario Xeral de Política Lingüística e dos expertos nomeados pola Xunta para diagnosticar a situación e propor medidas confrontan co inmobilismo de Alfonso Rueda e da secretaria xeral do PPdeG Paula Prado, que semella aprender nas malas formas de Miguel Tellado. E, claro, así o pacto non é viábel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario