por María Obelleiro en Nós Diario:
CEIP dun concello do interior do país, afastado de grandes núcleos de poboación. Un neno de 5º de Educación Primaria, mentres cobre unhas actividades sobre conxuncións e preposicións na materia de Lingua Galega e Literatura, pregúntalle en voz alta á mestra por unha palabra que aparece nun dos enunciados e que descoñece: "Cadela". "Profe, ¿qué es cadela?". Responden dous nenos: "Una perra".
O exemplo corrobora o recollido no informe publicado polo Consello da Cultura Galega (CCG) Competencias e usos das linguas cooficiais en España. O galego en perspectiva comparada. Tamén no difundido pola Real Academia Galega en 2021 Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO. Ambos os dous advirten da cativa competencia en galego do alumnado das etapas obrigatorias, Educación Primaria e Secundaria.
Nos últimos anos, o Goberno galego baseou o seu argumentario en sinalar que o alumnado "ten competencia suficiente en lingua galega para poder desenvolver unha vida cotiá nesta lingua" e situaba o problema na falta de uso, que tamén o é, pois, precisamente, nivel competencial e frecuencia de uso son dous dos indicadores elementais para determinar a vitalidade dun idioma.
Competencia e uso
O documento do CCG, realizado sobre microdatos do Instituto Nacional de Estatística (INE) referidos a 2021 –os últimos dispoñíbeis– recolle a "clara diferenza" nas competencias lingüísticas das galegas e galegos en idade de formación obrigatoria fronte ao alumnado de Catalunya, Euskadi, Balears e País Valencià. Advirte o informe do "patrón de perda interxeracional na capacidade para entender, falar, ler ou escribir en galego, xa que a xuventude presenta menores competencias que as xeracións maiores, o contrario ao observado no resto de comunidades con lingua cooficial, onde as xeracións máis novas melloran os niveis de dominio da lingua propia". Deste desequilibrio xa alertara o estudo da RAG, que concluía que 35% do alumnado castelanfalante remataba a ESO cunha escasa competencia en galego.
O informe do CCG mostra como o nivel educativo da poboación inflúe no uso das linguas. Galiza, neste caso, tamén volve ser a excepción, dado que o maior uso do galego dáse entre as persoas con niveis educativos máis baixos. "Especialmente preocupante é o dato da poboación que cursa ensino obrigatorio no momento de facer a enquisa. En todos os territorios tende a ser o segmento de poboación que máis usa a lingua, salvo en Galiza, onde son os menos proclives, sobre todo en contextos informais", expón o estudo.
Ademais, Galiza presenta a "singularidade" de ser a única autonomía do Estado "onde o uso" do idioma propio "non se incrementa no traballo ou na escola". "Mentres noutras comunidades, os ámbitos laborais e educativos inciden positivamente no uso, na Galiza a influencia é a contraria", engade o documento do CCG, que salienta que os grupos de ingresos económicos máis altos presentan nas outras autonomías un maior uso de catalán e euskera, ao contrario do que acontece co caso galego.
Bilingüismo?
O estudo do CCG pon de manifesto que o uso do galego diminúe progresivamente entre as persoas criadas nesta lingua a medida que se afastan do núcleo familiar, con caídas marcadas no ámbito laboral e educativo. "Galiza enfróntase a retos importantes para manter o uso do galego, especialmente entre as persoas criadas nun ambiente bilingüe ou exclusivamente castelán", salienta o informe nas súas conclusións, onde se alude a unha "menor efectividade das políticas educativas no reforzo do galego, en oposición ao impacto máis positivo noutras comunidades". "A aparente menor efectividade das políticas educativas en comparación con outras comunidades subliñan a urxencia de intervir no ámbito escolar e na transmisión interxeracional", apunta.
En San Caetano non deberon sentar ben as conclusións do informe do CCG, que contrataron ao Instituto Sondaxe a Enquisa sobre a percepción social do galego para negar o evidente e apuntar a impresión "xeralmente positiva" dun total de 1.200 familias sobre a presenza do galego na educación. Ao máis puro estilo do realismo máxico, no Macondo particular do Goberno galego, ao contrario do que advirten todos os estudos oficiais, sete de cada dez nenos "empregan a lingua galega de xeito cotián". A conclusión da enquisa pagada pola Xunta da Galiza non sorprende: "respectar e manter o modelo educativo vixente", é dicir, o polémico decreto de plurilingüismo que é causa de todo o anterior.
Ningún comentario:
Publicar un comentario