Se hai tres anos deixaba neste blogue unha foto dun tal marra que para min representaba o retrato dun home dono da súa lingua e farto dos que a atacan. A foto era da manifestación do 18 de outubro de 2009. Xa que logo, van alá máis de cinco anos.
Onte, na manifestación de Queremos Galego, chegando á Praza da Quintana, a súa estampa resaltou nos meus ollos como unha estrela relucente. A súa figura destacaba na marea de milleiros de almas que ateigaban o lugar. Nun impulso roubeille esta foto mentres entraba na praza. Era este mesmo home, cheo de dignidade. Era o mesmo lema: "contra os que odian o galego", nunha montura simple que revelaba o sentimento que lle saía da alma. A el non lle cómpren adobíos nin técnicas de markéting para mostrar a súa afouteza coa defensa do galego. Un pau e unha bandexa de cartón. Nunca un material tan pobre alcanzou tan alto valor.
Por suposto que non sei quen é, pero agradézolle que estivera alí, dando exemplo nesa mañán fría de febreiro. El é a dignidade dun pobo, o galego, desprezado polos seus gobernantes.
Sei que Feijóo, Jesús Vázquez ou Valentín García non son quen de lle mirar directamente aos ollos do home que levaba a lingua nunha bandexa de cartón.
P.S.:Teño un sabor dóce na boca desde que o vin.
Moi fermosa a foto. E que ben nos acompañou o día solleiro, non si?
ResponderEliminarE tamén nos acompañou o frío, aínda que máis frío facía por Lalín
ResponderEliminarE nesas seguimos....
ResponderEliminarhttps://untalmarra.wordpress.com/2012/05/16/fotos_531-dia-das-letras-galegas/#comment-1175
Grazas pola referencia.
EliminarEfectivamente, nesas seguimos