Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 12 de febreiro de 2015

Lingua e Cultura

Mercedes Queixas fai a súa aportación á xornada Fagamos contas. 35 anos de autonomía, como nos foi?, organizada pola Fundación Galiza Sempr een ideas.gal:

Facer contas dos círculos concéntricos que, como pobo, fomos quen de nacer e medrar no nobelo destes trinta e cinco anos.
Botar contas desa suma e multiplicación de Tis, Elas e Vosoutras que fixeron parte dunha historia en branco e negro á que cómpre tirarlle as cores.
Caer na conta de que é hora de ollármonos Nós para cuantificar a sucesión de ondas gañadas ás sombras do silencio, mais tamén de analizar quen é quen á hora de deitar pedras contra o círculo vertebral protector de noso, a Lingua e as súas expresións e representacións culturais, neste río de múltiples afluentes comunicantes que historicamente se negou a ser lagoa de voces asolagadas.
Lingua e Cultura é o título do bloque de traballo desta xornada “Fagamos contas. 35 anos de autonomía: como nos foi?”. Os nosos parabéns por integrar no mesmo espazo reflexivo e avaliador estas dúas realidades non paralelas, senón interdependentes. Porque non resistimos a nos preguntar se é posíbel falarmos de unha sen a outra, quer nunha perspectiva diacrónica quer sincrónica. Sería a Cultura galega o mesmo sen Lingua galega? E a Lingua propia, sería a mesma sen a Cultura de noso?
A defensa do idioma debería partir, e non sempre se interpretou ou executou así, da idea basilar de que é un vehículo de produción cultural e non só un código de signos regulado en abstracto que serve para transferir comunicación. A Lingua píntanos, modélanos, musícanos, cántanos, báilanos, vístenos, cálzanos, saboréanos, pénsanos e cóntanos nunha Cultura diferenciada e identificadora na súa singularidade. E tamén por iso sensitiva, de pel a pel, fibrosa, como pegadas dactilares que se expresan nunha persoal biografía lingüística. Xa sabemos o que din os estudos, as análises, as enquisas… mais, cando falan as emocións? Que sabemos delas?
Contundentemente o expresou a escritora Rosa Aneiros na súa declaración de orgullo recollida na campaña “Orgullosos do noso. Orgullosos do galego”, promovida pola Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística . A Lingua está en todo o que os nosos sentidos alcanzan, presente nas súas diversas manifestacións e expresións culturais e en permanente evolución, segundo as liñas continuas e discontinuas que o noso GPS espazo-temporal veu determinando.
Pídesenos unha ollada retrospectiva a respecto do camiño andado no ámbito da Lingua e da Cultura após trinta e cinco anos de Estatuto de Autonomía.
Imposíbel comezarmos este exercicio de recreación histórica sen acudirmos á vivencia persoal inmediata de quen daquela apenas tiña once anos e aínda permanecía allea ao que non foren obrigas escolares e familiares básicas.
Así que miramos de esguello polo retrovisor e cotexamos o antes e o despois a respecto do estado da Lingua e da Cultura galega nestas tres décadas e media comezando pola biografía persoal.
Podemos concluír, entón, que evidentemente os avances na columna do Haber están á vista, pois o punto de partida presentaba un Deber sobresaliente, como poden deducir dalgunhas mostras de contraste: ter sido eu educada en castelán como lingua inicial, por decisión de pai e nai galegofalantes, fronte á recuperación do galego como lingua de transmisión interxeracional para coas miñas fillas ou resultar incomparábel a exposición á cultura galega, desde a infancia, entre estas dúas xeracións a prol, moi substancialmente, da máis nova. Sen esquecer o medo da avoa materna ante a miña decisión de estudar Filoloxía galega sen o mínimo convencemento de me estar a procurar un futuro digno e con mantenza asegurada.
Con todo, a realidade non é única nin simétrica. Máis ben, se tivermos que procurar unha metáfora visual colectiva, retratariámola ao xeito dos círculos concéntricos expansivos, mais non uniformes, que debuxan a superficie da auga en canto deitamos nela con forza un obxecto, ou neses petróglifos circulares abranxentes que adobían a pel das nosas pedras milenarias.
O reflexo do tempo fainos albiscar que o avance producido nos diferentes planos non callou de xeito estrutural, non consolidou chanzos de actuación que afincasen o impulso de novas medidas para a consolidación e o avance normalizador.
Por iso, a realidade contrastada lévanos a unha outra metáfora visual, a deses cirros no ceo luminoso que, como as medidas tímidas, etéreas, superficiais, aparentes, incumpridas e descohesionadas entre si, anulan o indicio do bo tempo para rematar por se converteren nunha borrasca tormentosa.
E de bravo temporal lingüístico e cultural podemos falar ao longo destes últimos cinco anos, onde o imposíbel é non describir os fotogramas da involución promovida desde a actuación oficial dun goberno insensíbel.
Entendemos a Lingua como matriz nutricia, radical substrato e vehículo de produción e construción cultural nacional, capaz de mudar para superar os lindes da cronoloxía e se readaptar.
Os fíos do tempo son quen de coseren o pouso dunha cantiga de amor medieval do trobador Airas Nunes e un poema recente da Raíz de fenda, de Berta Dávila. Un retrouso ou cantiga popular pode danzar ao son das novas melodías de cantores como Xabier Díaz ou Sés. A danza tradicional pode revisitarse nunha contemporánea conxunción expresiva corporal para recrear unha Nova Galega de Danza. A forza poética rosaliana recobra vida nas melodías da galego-palestiniana Najsla Shami. Podemos aínda, após máis de cinco décadas, abafar perante a pantalla grande coa recoñecíbel presión ambiental e humana dunha Esmorga tráxica.
Porque o tempo é, para a construción lingüística e cultural colectiva, valor engadido, nunca balor decrépito.
E agora Nós, actantes deste tempo, facemos parte do reto da construción dunha Lingua e dunha Cultura en proceso permanente que admiramos canto máis (re)coñecemos. Nós somos quen de decidir!
Mais debemos tomar partido. Admiramos timidamente e desde abaixo a inmensa virtuosidade da triple escaleira helicoidal de Andrade ou decidímonos a subila, chanzo a chanzo, de mans abertas, convidando novas compañeiras de viaxe converxentes no interese común de futuro para a Lingua e a Cultura e tomando conta dos descansos necesarios para o diálogo e intercambio de opinión? Ou miramos o presente desde un esguello desconfiado e reservado para quen só forme parte do noso grupo máis próximo?
Temos un pasado referencial no que facer pé para pensarmos o futuro. E xa Castelao nos aprendeu que na obra hai sitio para todas as persoas dispostas a superar as chatas.
A linguaxe e a iconografía da mensaxe nacionalista debe, neste sentido, reforzar o afecto, pór en valor a transcendencia da Lingua versus discursos confusos, negativos e negacionistas; debe achegar unha visión actual que supere a resistencia férrea aos ataques para promover o uso do idioma como transgresión e superación de complexos e prexuízos que ameacen a fidelidade lingüística dos galegofalantes e como convite de firmeza para a incorporación dos non galegofalantes.
Sen abandonarmos a firmeza do discurso contra as políticas lesivas para os principais sectores cohesionadores da sociedade, Lingua e Cultura, cómpre estabelecermos unha relación aberta e en mancomún cos axentes creadores desde a aproximación e o coñecemento do seu traballo, procurando que o obxectivo no curto prazo non nos impida artellar proxectos con obxectivos para o medio e longo prazo; apoiar as estruturas creadas polos propios sectores culturais, participar delas para estabelecer redes e pontes de comunicación, pois obxectivo de atención preferente, tamén en Lingua e Cultura, é traballar para o país en galego; procurar a autoxestión colectiva, nada desde a forza da base asociativa, para formar públicos desde a calidade e atracción do produto cultural galego e en galego, en todas as súas expresións e formatos postos en valor.
Quen dixo que o galego é unha lingua minoritaria? Quen imaxinou a que sabe a nosa lingua? Quen imaxina como se disfruta a vida Galegando? Acaso aínda hai quen pense que non presumimos de tatoo en galego advertindo que “A liberdade non é negociábel”? Ou aínda podemos acreditar en que o galego é limitado, pecha fronteiras e non fai parte da riqueza do plurilingüismo?
Creamos, producimos, xestionamos microespazos de cultura, mais é preciso distinguir as obrigas de estruturas gobernamentais das asociativas populares. Unha deputación, un Concello ou unha Consellaría terán dupla responsabilidade e maior capacidade para cumprir as súas obrigas en materia lingüístico-cultural; por unha banda, deben desenvolver as función legais que lle son propias como entidade de goberno e, pola outra, atender as propostas do asociacionismo de base que pula por un sector concreto da cultura: teatro, música, literatura, audiovisual, editorial, artesanal, tradición oral…
Cada quen ten o seu territorio: desde a cultura popular até os intereses máis especializados. Así pois, o obxectivo vertebrador será visibilizar o que a xente crea, deitar muros cegadores e procurar espellos que non deturpen nin distorsionen a imaxe de marca propia que nos corresponde herdar para actualizar con discurso e propostas atractivas, mesmo revulsivas.
Como queremos que se reflicta o noso tempo no espello do futuro? Que podemos facer a pesar dos gobernos? Eis a chave da resposta que daremos para a historia. Só contradiscursos autodefensivos e recontadores de ofensas e agravios que reforcen o vitimismo da marxinalidade ou dinámicas proactivas, ilusionantes e de reforzo positivo que evidencien a falacia do discurso oficial?
Non se pode agardar por unha Administración que cumpra o seu papel nin aspirar a que sexa sempre esta quen xestione a produción do noso tecido creativo cultural. Permanecer ancorados na tea de araña inmobilista oficial que prende con facilidade as actuacións individuais ou individualistas sería un xeito de claudicarmos das nosas responsabilidades. As nosas xentes seguen a crear por necesidade vital e como forma de expresión e comunicación, mesmo desde a resistencia que tamén é re-existencia. E nós debemos atendelas e ensanchar a súa expresión desde as palestras, foros, pantallas e focos de que dispomos, porque se non o facemos nós, desde unha concepción nacionalista, ninguén o fará por nós.
Facer de conta, en definitiva, de que somos merecedoras dun outro capítulo na historia en clave de futuro ben diferente do que pretenden agoirar neste presente bretemoso en que ben certo sabemos que, parafraseando dous títulos literarios de Ramón de Valenzuela, non é tempo de apandar, mais tampouco de agardar por ninguén.
O futuro é renovábel!

Ningún comentario:

Publicar un comentario