por Elisa Quintas Alborés, no Nós Diario:Nós Diario:
A sociedade galega demanda o recoñecemento da oficialidade plena do galego na UE, pois non é lingua oficial e de traballo. O 13 de decembro de 2004 o Goberno español solicitou ao Consello da Unión Europea (UE) que concedese a incorporación do galego, catalán e vasco á lista de linguas oficiais europeas prevista no Regulamento 1/1958 que fixa o réxime lingüístico da Comunidade Económica Europea. Emporiso a institución competente -o Consello da Unión- non concedeu a oficialidade. Polo de agora só existe un cativo uso destas linguas en tres ámbitos, segundo as “Conclusións do Consello relativas ao uso oficial doutras linguas no Consello, e no seu caso, noutras institucións e órganos da UE”, do 13 de xuño de 2005, o que en realidade impide comunicarse directamente cos órganos da UE ao ter que pasar sempre por un organismo español que realiza a tradución.
Desde a Mesa pola Normalización Lingüística consideramos deficiente ese grao de institucionalización do uso do galego e reclamamos a oficialidade plena e real na UE para impedir as discriminacións que padece a nosa lingua na transposición das Directivas á lexislación estatal.
Como sinalamos no libro titulado Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua, da autoría de Marcos Maceira e miña, editado por Laiovento que sairá do prelo proximamente, un claro exemplo desas interpretacións restritivas co galego pretendeu realizala o Concello de Ferrol no relativo á publicación de contratos. A Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público (LCPA) que transpón as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello da UE obriga a publicar no Diario Oficial da UE (DOUE) determinados tipos de contratos e expedientes de licitación. Segundo a interpretación efectuada polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rei Varela, mediante unha instrución interna que foi anulada grazas á presión unánime da sociedade ferrolá, a tramitación e publicación destes expedientes no DOUE excluiría o uso do galego por non ser lingua oficial da UE.
Fronte a interpretacións realizadas por xuristas como Carlos Amoedo, manipulouse o contido das normas para fundamentar esta decisión. A LCPA permite o uso das linguas cooficiais e a Lei da Administración Local de Galiza sinala no artigo 7 que a lingua da documentación municipal de Galiza é a galega. Sen chegaren a publicar instrucións semellantes, algúns concellos entenden que publicar estes contratos e expedientes en galego supón duplicar esforzos e que é a nosa lingua a que debe pagar as consecuencias coa súa propia supresión. A oficialidade do galego na UE e maior contundencia na defensa do uso do galego por parte das institucións evitarían este tipo de interpretacións negativas para o noso idioma. Ademais a oficialidade plena do galego na UE comportaría a revisión e rectificación das máis de 500 disposicións legais que obrigan ao uso do español.
No ámbito do consumo a oficialidade do galego na UE permitiría o seu uso ilimitado. Mentres escribo este artigo chéganos á Mesa pola Normalización Lingüística unha consulta dunha produtora de mel que desexa manter a etiquetaxe do produto en galego para comercializar en territorio español.
O Regulamento nº 1169/2011 do Parlamento Europeo e do Consello de 25 de outubro de 2011 sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor dispón no artigo 15 titulado “Dereitos lingüísticos” que a información alimentaria obrigatoria sobre os alimentos debe figurar nunha lingua “facilmente comprensíbel” para os consumidores dos Estados-membros onde se comercializa o produto.
O segundo parágrafo vén trasladar amplas facultades ao Estado en que se comercialice o alimento que pode impor no seu territorio que as mencións figuren nunha ou máis linguas oficiais da UE. Esta é a facultade recoñecida aos Estados a que lle permite ao Estado español manter a vixencia do artigo 18 do Real Decreto 1334/1999, de 31 de xullo, polo que se aproba a Norma xeral de etiquetado, presentación e publicidade dos produtos alimenticios que impón o español na etiquetaxe dos produtos alimenticios, coa única excepción para os produtos tradicionais elaborados e distribuídos no ámbito das Comunidades Autónomas con lingua propia oficial. A normativa está impedindo comercializar calquera produto etiquetado en galego fóra de Galiza, obrigando a etiquetalo cando menos en español.
Audiovisual en galego
A respecto do sector do audiovisual, o Estado español segue a defender a supremacía do español. As Directivas Europeas 2010/13/UE e 2018/1008 estabelecen que os Estados poden determinar uns mínimos de oferta de contido audiovisual en linguas oficiais no seu territorio para a promoción da diversidade lingüística. A presión exercida pola Mesa pola Normalización coa Iniciativa Xabarín conseguiu cotas que alcanzan o 1,5 % para as plataformas audiovisuais privadas, e na única pública estatal (RTVE Play) 2,5 %. Sendo insuficientes estas porcentaxes, o máis grave é que son incumpridas. Abonda percibir a discriminación respecto do español, que se reserva o 30%.Estes son só uns exemplos de todo canto sería superábel nas Directivas europeas que estabelecen requisitos lingüísticos se se recoñecer a oficialidade do galego na UE. A Mesa conseguiu introducir unha emenda a través da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, aprobada polo Parlamento Europeo, para que se interpretase a Directiva de forma favorábel ás linguas oficiais nos territorios estatais, e así podermos acceder en galego ao financiamento, dobraxe, lexendaxe e audiodescricións obrigatorias en español. Teremos que agardar o resultado final do proceso lexislativo.
Cómpre pór en valor a importancia da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), tratado internacional ratificado polo Reino de España en 2001 na modalidade máis elevada dos compromisos. Mais cumpriría implementar un mecanismo para obrigar os Estados parte a respectar as recomendacións que periodicamente lles efectúe o Consello de Europa e que estas sexan acatadas.
Ademais, no caso do galego, a pertenza do noso idioma a un sistema lingüístico máis amplo (o galego-portugués) facilitaría e melloraría a reciprocidade na integración dentro do Eixo Atlántico que partillamos con Portugal e no que existe continuidade lingüística, cultural e económica.
A UE ten que dar pasos adiante en defensa da diversidade lingüística que di querer promocionar, e non só das linguas oficiais dos Estados membros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario