por Marga Doval en Nós Diario:Nós Diario: Xa se che celebrou, LV, e uniuse a música e a literatura para descubrirte. Polígrafa e violinista da Cidade Alta, viva e querida nos corazóns do que somos, materia de Alexandre Bóveda; da materia que elixiches e nomeaches, elo nunha revolución que aí segue, voz entre voces dunha lingua que reclama os seus dereitos na praza pública. E eu quero ver un novo principio despois deste 17 de maio, a lectura da túa obra, a súa presenza para mover os marcos, para demostrar que nos acompañas nesta denuncia, que xa era túa, da necesaria revitalización da lingua, de deixar de ocultar que imos perdendo falantes, que a lingua non se transmite, que a mocidade, se a fala, deixa de facelo en moitas ocasións en que é máis cómodo falar a outra.
Imos de cu para atrás, camiñamos en dirección contraria mentres o uso da lingua segue a ritualizarse, mentres o ensino sucumbe, máis aínda desde que do bilingüismo harmónico se pasou ao esquizofrénico Decreto de Plurilingüismo. Ese Decreto que volveu co PP que revitaliza prexuízos, que decide o uso das linguas nas aulas, co famoso 33%, para cada unha das tres pola orde de importancia que se lle debe dar: inglés, español e galego. Ese outro 1% que resta, errante, debe ser o estimado para que nalgún momento no temario de lingua e literatura galega se mencione o portugués e a temíbel palabra, que non está no dicionario nin da RAG nin da RAE: Lusofonía. Grande necidade era, LV, estudar nos nosos tempos, en que primaba a medida da grandeza, como o máis pequeno entre outros, o río Miño, no remate do listado, mais que daba corrente eléctrica da que non se nos falaba nas aulas; grande necidade é hoxe estudar, the Miño river, e que unha das aspiracións do ensino medio sexa que a bioloxía e a xeografía se aprenda en inglés, é a perda definitica da terra debaixo dos pés. Canción triste, The Miño River, que acompaña o ensino de hoxe ese 33% que revitaliza que uns idiomas teñen utilidade e outros non, que non paga a pena perder tempo cos que non atravesan fronteiras, aínda que se invite a atravesalas a quen naceu con eles; triste, polo menos, é unha educación que prepara o alumnado para ser man de obra nómade ou estranxeira e emigrante en terra propia, cunha koiné lingüística ao servizo da economía coa que atenderán mellor o negocio turístico que nunca lle será propio.
No medio ficou o Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado no Parlamento Galego no 2004 por unanimidade, que o goberno do PP tumbou cando volveu entrar pola porta. Si, LV, a túa obra, sobre todo os textos de A Nosa Terra reunidos no Libro das colunas, era denuncia hai vinte anos e denuncia segue sendo hoxe. Os teus libros como os de Avilés de Taramancos non son para calzar unha mesa e esta vez, creo que van continuar un pouco máis no tempo e, se remataren as edicións e non volven, desde as barricadas faremos fotocopias. Repito, LV, que ninguén poderá mudar a mensaxe da túa obra, nin antes, nin despois do 17 de maio.
Que o río Ulla siga a bater a cachón nas laxes do seu camiño, que nel bailen os pelouros; que a el os cervos volvan beber. Que a ría de Arousa reciba as augas limpas das cantigas alegres de moitos regatos e as palabras que os nomean, que chouten troitas e veñan lampreas á mesa. Con persoas de bo corazón, lamprea para soñar na lingua de nós. Altri, non!
Ningún comentario:
Publicar un comentario