Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 4 de outubro de 2011

A Coordinadora denuncia o retraso na convocatoria de axudas aos EDLG

O 9 de setembro a Coordinadora de Traballadores/as para a Normalización Lingüística (CTNL) confirmaba as súas peores sospeitas ao enterarse polos medios de que se eliminaban as axudas aos concellos para a promoción do uso do galego e ou seu presidente acababa por pedir a dimisión de Anxo Lorenzo ante a mentira, a incompetencia, e o desprezo demostrado polo traballo dos SNL das entidades locais. Pódese consultar un resumo do acontecido neste comunicado da CTNL.
Agora é a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) quen denuncia o adiamento da convocatoria de axudas para os proxectos de normalización dos centros de ensino que ten como primeira consecuencia a eliminación de numerosas actividades de formación do alumnado. Este retraso enmárcase dentro dunha serie de medidas de ataque ao uso da lingua galega no ensino: impedimentos para a publicación de materiais educativos por estaren en galego, prohibición de impartición de materias en galego, prohibición de libros de texto en galego, subvención para o cambio de libros de texto en galego por outros en castelán, eliminación das liñas en galego, aniquilación da promoción do uso do galego en infantil, anulación das axudas á edición de materiais educativos en galego, aniquilación de todas as iniciativas de innovación educativa promovidas en anos anteriores pola Consellería de Educación...
Velaquí a nota de prensa da CGENDL:

2011.10.04.Nota de Prensa CGENDL Retraso Axudas

Ningún comentario:

Publicar un comentario