Con este lema a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística vén convocando tódolos anos aos concellos galegos para organizar actos nos camposantos coa finalidade de restituír a memoria lingüística dos nosos devanceiros.
Estes espazos, que os antropólogos denominan “parroquia de mortos”, están situados na “parroquia dos vivos”. Tan arraizada está en Galicia a cultura da morte que os veciños negáronse a trasladar os cemiterios fóra dos núcleos rurais consonte co establecido pola Lei de cemiterios, por razóns de salubridade.
Aínda non hai moito que o alcalde de Lugo anunciaba visitas guiadas ao camposanto municipal. Os panteóns espertan o interese e admiración pola ricaz arte das súas construcións. Outros rivalidan pola mesma curiosidade, como son os de Pereiró, en Vigo; San Mauro, en Pontevedra, nos que arquitectos de prestixio como Gómez Román, Antonio Palacios, etc... ou escultores de renome como Acuña, Asorey, Xoán Piñeiro... deixaron abondosos exemplos da súa creatividade. Por esta razón, o de San Francisco en Ourense foi declarado BIC (Ben de Interese Cultural). No resto dos de Galicia (3792 cemiterios parroquiais) tamén hai arte popular. A eles acuden decote os veciños para coidaren o ornato e limpeza de nichos e sartegos. No noso País a cultura da morte aínda está moi viva.
Porén, o que máis chama a atención dos cemiterios é a imaxe distorsionada que ofrecen da nosa identidade. Só unha de cada mil lápidas está escrita en lingua galega. Máis chamativa é a convocatoria que fan os familiares aos sepelios e funerais mediante esquelas castelán. Isto si que é unha contradición. Só un 2% das necrolóxicas publícanse nos xornais en lingua galega. Unha incoherencia absurda que ten oríxes históricas. Mais, superados os contextos sociopolíticos que deron pé a estes perversos costumes, hoxe a responsabilidade das familias é decisiva para seren coherentes, respectando a memoria cultural e lingüística dos falecidos.
A proposta que a Asociación de Funcionarios está a enviar aos concellos galegos anda na procura de maior atención nas medidas de fomento da lingua galega no ámbito funerario. O Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística encoméndalles ás Corporacións Locais medidas de fomento da lingua galega en TODOS os ámbitos da vida social e cultural. As suxestións que se lles fai son de variado alcance: homenaxe aos falecidos coa colocación dunha placa nas portas dos cemiterios co seguinte texto: “Na memoria de tódolos que aquí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter lingua e cultura de seu”; a publicación dun bando chamando ao vecindario para que restitúan a lingua galega nas lápidas, etc...
A este chamamento xa responderon os concellos de A Bola, Cartelle, Calvos de Randín, Cotobade, Cuntis, Chantada, Maceda, Pontevedra, Redondela... e algúns colectivos culturais, como o Centro de cultura popular de Xinzo de Limia. Na Estrada procederase á substitución das lápidas en castelán por outras en galego dos irmáns Marcial e Avelina Valladares, escritores do Rexurdimento Galego.
O primeiro de novembro podería converterse nunha gran oportunidade para restituir a memoria lingüística de Galicia
Ningún comentario:
Publicar un comentario