Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 3 de outubro de 2011

A catequista atea

Teñóo comentado moitas veces, as 'Cartas abertas' de Xabier Docampo  son cada unha unha perla para disfrutar con vagar. Primeiro podíamosllas ler en Vieiros, despois deixounos algunha no Xornal . Agora, que non existen medios en galego, non ten máis remedio que escribilas no seu blogue. Velaquí vai unha máis, desta volta dirixida ao presidente da Deputación da Coruña:


Sr Presidente: Supóñoo coñecedor das declaracións feitas pola Deputada Provincial Zaira Rodríguez Pérez, responsábel nesa institución, entre outras cousas, de Normalización Lingüística. De todos xeitos e para coñecemento doutros lectores e lectoras desta carta reproduzo aquí á pérola deitada pola señora deputada:

-Entre sus áreas de trabajo, usted es la responsable de normalización lingüística. Puede parecer algo chocante en una persona que no habla gallego.
-Lo entiendo perfectamente y lo hablo a veces. En mi casa lo hablan, pero creo que cada uno es libre de elegir la lengua en la que se siente más cómodo.

Para a concelleira de cultura da Coruña (que tamén afirmaba que na súa cas falaban galego, como se isto xa as liberase por vía sucesoria de calquera responsabilidade persoal en relación coa lingua) hai cousas "demasiado gallegas”  e para estoutra , que quere que lle diga? Vostedes onde as buscan? Entre aquelas que fan xuramento de desprezo polo país, pola súa cultura, pola súa lingua e por todo canto fai que os galegos sexamos galegos e non outra cousa? 

Lamentabelmente non podo crer que vostede ignoraba a actitude antigalega desta persoa cando a nomeou, porque tamén non creo que a súa postura(a dela) veña de onte. Cousas coma esta demostran que a certas persoas do seu partido cóbreas un manto de indignidade que, con chulería, fan público cando se senten amparadas ao acubillo do poder.

Esta muller non pode seguir nin un minuto máis no cargo no que vostede a colocou, porque a súa actitude de desprezo pola lingua propia de Galicia é unha actitude miserábel. É coma colocar na catequese católica á unha catequista atea. É un insulto máis desde o seu partido político, ás persoas que falamos galego, que queremos a súa normalización e que pelexamos porque o seu estatus de lingua oficial en Galicia sexa de facto o mesmo do que goza o castelán.

Non pode Zaira Rodríguez, por moito que invoque a súa liberdade, sendo deputada de normalización lingüísitica, facer semellantes declaracións, nas que fai gala de actuar en  contra da nosa lingua e da súa normalización, porque normalizala é falala, escribila, defendela e promover o seu uso. Por iso debe ser destituída inmediatamente, se non quere vostede converterse en cómplice e defensor desta actitude de aldraxe á nosa lingua e aos seus falantes. Bótea fóra, non ten dereito nin a dimitir, debe irse con indignidade, porque é indigna do cargo que ocupa. Pero é que ademais, ese fachendear da impunidade de semellantes declaracións diante dos responsábeis do seu partido, só vén a poñer de manifesto cal é a actitude oculta (?) do Partido Popular en relación coa lingua propia de Galicia: poñer ao raposo a coidar das galiñas. Así pode garantir a quen sexa que llo pediu, que segue a afondar na desaparición do galego.

Non me veñan agora con desmentidos, queixas de mala interpretación e outras andrómenas, esta muller retratouse como incapaz para o cargo por incompetencia manifesta, así que o que ten que facer vostede é relevala inmediatamente, e se non o fai é porque é coma ela.

Un cordial saúdo,

Xabier P. DoCampo

P.S.: Sobre o tema apareceron as seguintes novidades:
1. Carta de ProLingua ao Presidente da Deputación da Coruña nos mesmos termos que esta de Docampo.
2. 'En mi casa se habla...' ou a lingua galega como coartada e ben público privatizado) no blogue de Fran P. Lorenzo Un país en lata

Ningún comentario:

Publicar un comentario