Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 18 de outubro de 2011

Medios en galego: Sermos Galiza ou Sermos Bikini?

A principios de mes publicouse na rede un manifesto moi ben argumentado sobre a exclusión do galego nos medios de comunicación que todos podemos asinar. Nel destácase, ente outros aspectos, que desde que no ano 1975 se alcanzara a porcentaxe máis alta de uso do galego nos medios, cun 7,5%, a súa cifra diminuiría ata un 3% no ano 1993 a pesar do mandato da Lei de Normalización Lingüística de garantir unha presencia digna da nosa lingua en todos os ámbitos.
A día de hoxe, a pesar de que unha gran maioría da poboación (70%) gostaría poder acceder á información en galego é de todos sabido que nada queda da prensa en galego, e iso a pesar das posibilidades que nos fornecen as novas tecnoloxías (TDT, internet)
Con estas premisas o manifesto esixe dos medios privados de comunicación os tres aspectos seguintes:

1) A presenza do galego nun 50% da totalidade do espazo escrito e tempo da grella de programación.
2) A reprodución literal das nosas declaracións e intervencións na lingua en que as expresamos.
3) A transcrición literal dos eslógans e textos das pancartas na súa lingua orixinal.




O simple feito de se publicar un manifesto como este é un indicativo de como anda a saúde da nosa lingua. O galego ficou sen xornais. Os últimos que tiña unha presenza digna en galego, o Xornal, e Galicia Hoxe, son zombies da rede. Que unha sociedade complexa como a nosa fique sen medios en galego significa que vivmos nunha terra queimada e minguante. Daquela, se alguén pasa por aquí, poderá certificar que isto é Australia, ou o Atol  Bikini, pero Galicia non.
Os xornais que se publican en Galicia demostraron continuadamente que o seu era virarlle as costas á nosa lingua polo que, só na medida en que haxa un medio en galego que lles quite lectores, acollerán maiores porcentaxes de presenza de novas en galego. Por iso só nos queda a esperanza do Sermos Galiza. A ver se o somos.






Ningún comentario:

Publicar un comentario