Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 6 de febreiro de 2010

Fala Ferrín. 2.


O Xornal de Galicia tráenos un monográfico de Méndez Ferrín. Ademáis de dous opinadores sobre este escritor:
Que sente cando lle aplican adxectivos como “radical” ou “batasuno”?
Paréceme que o que é radical é o cambio que fai este Goberno coa situación do galego no ensino. E digo radical porque vai á raíz. Se o decreto era antes medio protector do galego, agora é desprotector, e iso é radicalismo. E creo que este Goberno non está capacitado para ser tan radical, porque ten unha maioría moi precaria, e estase enfrontando á sociedade, e a sectores moi importantes do seu propio partido, aos que intentou estrangular en Ourense, sen conseguilo. E que digan que son batasuno, non sei nin que contestar. Non teño nada que ver co País Vasco, agás que é unha terra que me gusta e visito sempre que podo.

A Academia apoiaría un decreto que repartise o galego no ensino ao 50%?
Si, se non ten que haber un equilibrio total, como non o hai na sociedade. Terá que haber unha discriminación positiva a prol do galego. Hai que fomentar o galego, porque o castelán non o precisa. Pero, por suposto, hai que saber falalo e escribilo tan ben como o galego, e iso sería suficiente. O exterminio do castelán en Galicia non está na mente de ninguén que sexa normal. Non coñezo ninguén que o pense, pero hai moitos galegos que queren exterminar o galego dentro de si mesmos, e irrítanse cada vez que o galego dá un pasiño.

Por que se produce iso?
Porque hai un proceso terrible de colonización, que consiste en que o colonizado non se sinta persoa, que se odie a si mesmo. Pero non é algo que causase o franquismo, como cre moita xente nova. Vén dende o século XV, de cando os nobres galegos se enfrontaron á raíña Isabel a Católica e ela estableceu en Galicia unha situación de dominio. En Galicia hai milleiros e milleiros de galegofalantes reprimidos que nunca falan galego. Saben, e en moitos casos téñeno como lingua propia, pero téñena estrangulada. Iso é unha patoloxía que se dá en todos os países colonizados. Por iso, a meta do galeguismo e o nacionalismo galego, que sempre foi progresista e estivo coas causas máis avanzadas dende o século XIX, foi devolverlles o orgullo aos galegos, e non hai orgullo galego sen lingua galega.

Como facemos que a lingua deixe de verse como eterna fonte de conflitos?
Hai un discurso, por aí, que di “o que lle interesa á xente...”, porque hai moito experto en dicir o que lle interesa á xente. O que lle interesa á xente, din en Madrid, “son los garbanzos”. Ben, pero como a xente non son cans que só queren comer, como o pobo son individuos que teñen identidade, ademais lles interesan moito outras cousas, entre elas a lingua. Vese moi claramente en Bélxica. Claro que a lingua é conflitiva, e cada vez que defendamos o noso idioma, acusarannos de ser cerrados e extemporáneos. Que o fagan na prensa de Madrid vai por descontado, pero o que é patético son os columnistas galegos que teñen unha visión da lingua a través de Madrid.


Ningún comentario:

Publicar un comentario