Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 15 de febreiro de 2010

Entrevista a Carlos L. Bernárdez, ensaista

Entrevista a Carlos L. Bernárdez, no Galicia Hoxe

Carlos L. Bernárdez (Vigo, 1958) é profesor de Lingua e Literatura galegas e licenciado en Xeografía e Historia, sección de Historia da Arte. Ensaísta de temas literarios e artísticos e comisario de exposicións, é colaborador habitual en xornais e revistas. Entre as súas publicacións cómpre salientar as dedicadas a escritores, entre outros, como Lorenzo Varela, Manuel Antonio, Xosé María Álvarez Blázquez,Vicente Risco, Eduardo Blanco-Amor, Rafael Dieste ou Ramón Cabanillas. Entre os seus libros máis recentes destacan Bestiario en pedra. Animais fantásticos na arte medieval galega (Negra Trea, 2004) e Breve historia da arte galega (NegraTrea, 2005) e os catálogos Diáspora. Dez artistas galegos no exilio latinoamericano" (1930-1970) (Marco e Fundación Luís Seoane), Álvaro de la Vega, Carlos Maño, Luces atlánticas. Cecilio Chaves, Carlos Sobrino (Caixanova), De Vigo a Bos Aires. Laxeiro e a arte galega de posguerra (Fundación Laxeiro) e un ensaio inserido no volume Vicente Risco, obra gráfica (Galaxia). Na actualidade desenvolve a crítica de arte no suplemento Faro da cultura do xornal Faro de Vigo. Arestora é comisario da mostra Luís Seoane. Razón e compromiso no novo Centro Social de Caixanova en Santiago e acaba de publicar unha edición do libro Samos de Ramón Cabanillas, que apareceu na colección de Edicións Xerais.

Comecemos esta conversa pola situación do galego, idioma-cultura. Vivimos nunha situación de latexante indiferenza, estamos nunhadesigualdade atroz, apenas nos fan caso. Perpetúase a diglosia, o auto-odio e galegofobia perversa. O novo decreto que intenta perpetrar a Xunta do PP en Galicia, non é outro intento que a aniquilación do galego sexa como sexa, establecendo un sistema xa non bilingüístico, senón un trilingüísmo patético? Cal é a reflexión que fas ti diante desta adversidade provocada e promovida polas "forzas" máis reaccionarias do Estado español establecidas a sangue e lume na nosa nación negada?
Sobre este tema coido que xa está todo dito. É evidente que nin desde a responsabilidade política, nin desde a xestión das institucións teñen por que compartir os mesmos obxectivos e arelas de carácter cultural e lingüístico que nós podemos compartir, mais o que é o deber da Xunta é non incumprir a letra e o espírito das normas de carácter lingüístico das que nos dotamos colectivamente, que teñen carácter legal. Ao tempo, sería recomendábel algún coñecemento, que calquera bacharel ten neste país, sobre o pasado e presente da cultura galega, o que lles serviría para coñeceren que boa parte dos artistas, escritores e intelectuais galegos dos últimos cento cincuenta anos dedicaron unha atención preferente á situación, identidade, pasado e futuro da lingua, literatura e arte galegas, que traballaron mergullados nun ambiente e nun espazo de reconstrución nacional, no que os artistas desenvolveron a súa actividade cunha dominante preocupación polo desenvolvemento social e cultural do noso país. Un espazo, por certo, aberto e permeábel ao influxo externo, mais que se quere sen intermediarios, sen pexas e sen termos que pagar unha eterna portaxe polo simple feito de sermos galegos. É autenticamente penoso que a estas alturas teñamos que seguir explicando que manter a fidelidade aos principios conformadores do movemento cultural galego, e á lingua en particular, non supón a defensa dun anquilosamento no formal nin no intelectual, ben pola contra, que o pensamento e a obra do mellor da nosa cultura conecta coa sensibilidade do seu tempo, e que é desde a perspectiva galega como moitos artistas e escritores conseguen que nos identifiquemos, mellor dito, que a súas obras nos identifiquen como nación, como colectividade humana singular e que teñamos algo que dicir no ámbito internacional.

Ao 50% castelán e galego sería o máis sensato ou unha mediana estupidez dadas as circunstancias sociais ou sociolingüísticas?
Concordo cos informes da Academia Galega e do Consello da Cultura. Non se debe tratar igual o que na sociedade continúa a ser desigual. O galego debe de ter un papel de maior importancia e en todo caso nunca se pode facer recuar a súa presenza nin no ensino nin na sociedade. O galego é de todos os galegos e debería ser unha prioridade a súa plena normalización. O debate cinguido apenas ao ensino tamén é unha forma de agachar os problemas que a lingua (as persoas que a falamos) temos para ter unha vida normal na nosa lingua (traballo, lecer, relacións comerciais, etc).

O bilingüísmo, dadas as circunstancias indicadas non che parece a ti unha aberración sistemática/ pedagóxica?
Nin o bilingüísmo nin o trilingüísmo son de seu nada negativo, o perverso é o emprego que se fai destes conceptos para reducir a presenza do galego no ensino. En cuestión de linguas prefiro sumar a restar, mais comezando pola nosa. Os que se enchen a boca coa palabra bilingüísmo adoitan ser monolingües en castelán e rexeitan adquirir unha mínima competencia en galego.

O trilingüísmo non transcende ao disparate, e un perverso intento de manter a diglosia, e polo tanto a morte do galego?
O problema é para o que se emprega o trilingüísmo. Un exemplo: hai poucos días fun ver unha nova mostra de arte ao Centro Galego de Arte Conmtemporánea (CGAC). Cal é a nova visualización das linguas no noso principal centro de arte? A primeira sorpresa veu ao recibir o convite a esa exposición do Centro Galego de Arte Contemporánea, que nun alarde de cosmopolitismo envía un cartón trilingüe (naturalmente galego, castelán e inglés) acompañando o vistoso dandismo francés do título da mostra Sur le dandysme aujourd d’hui. Até aquí todo semella normal, mais cando un intenta ler o amábel convite observa que o texto galego aparece nun tipo de tinta ilexíbel, tipo de tinta común co texto en lingua inglesa; pola contra, o único texto que aparece resaltado é o castelán, co que, a non ser que fagamos un esforzo notábel, o que se le é o texto neste idioma. O emprego é moi semellante ao que podemos observar na sinalización dalgúns aeroportos, deixando ben claro cal é para os novos xestores a lingua que de verdade hai que favorecer e a mensaxe que se quere transmitir aos potenciais visitantes da institución: que o galego é un simple trámite que se cumpre cunha rutineira e prescindíbel tradución que non ten por que ler ninguén. Se cadra quen lea esta entrevista poida considerar esaxerado este exceso de celo por un simple convite, e eu mesmo esperei a visitar a mostra para facerme unha idea cabal da nova situación. Mais, infelizmente, a visita corroborou esta percepción, co agravante de que agora xa non estabamos ante un simple cartón senón que este emprego desigual das linguas, que coloca o galego a nivel de idioma estranxeiro na súa casa, esténdese ás follas informativas da mostra, nas que se aplica o mesmo modelo, co castelán na zona máis visíbel, á dereita do lector, e cun tipo de entintado negro fronte ao cincento e esvaído do texto galego, situado á esquerda e practicamente invisíbel, compartindo as tonalidades coa versión inglesa. Coido que é máis que unha simple anécdota, é o espello dos novos tempos e do que nos tentan impor.

A inmersión lingüística non é realmente unha opción persoal, e non un sistema pedagóxico como o PP español en Galicia pretende e difunde pola capacidade de medios que ten a súa disposición?
A inmersión é un lexítimo e contrastado método de aprendizaxe de linguas, de feito semella que a Consellaría defende a inmersión en inglés encanto estigmatiza a palabra cando se refire á lingua galega.

Cres que nun sistema federal poderíamos ser máis libres?
Prefiro república a monarquía e federalismo a centralismo.

Ti consideras que serve para algo o nacionalismo sen ideas arredistas, independentistas?
Entendo o nacionalismo como un factor de construción da identidade e como unha obra en marcha.

A concepción do tempo correspóndese co disparate aberto da historia?
A nosa concepción do tempo está ligada ao mesmo concepto de historia. A cultura occidental é unha cultura da "historia", do tempo lineal –alfa e omega, historia da salvación–, o que marca a nosa visión do tempo e da historia.
A colonización é un feito consumado en ergástulos íntimos, ou poderemos saír dela?
O único xeito de progresar un pobo, en todos os ámbitos, é desde a autoestima. Hai que quererse máis para afrontar os retos do mundo no que vivimos.

Cal é para ti Carlos, a diferenza entre a retranca que nos atribúen e o medo, o maltratamento ao que fomos sometidos?
Sempre se entendeu a retranca como o retrouso dun pobo con moitas feridas e á defensiva. Non me interesan os tópicos. Prefiro que ollemos de fronte os retos colectivos.

A literatura galega goza nun momento do seu máximo esplendor, ou polo contrario opinas que temos determinadas luces e esplendorosas sombras?
A literatura galega ten unha historia e un presente moi respectábel e con calidade notábel. Os problemas están na relación lingua/sociedade e na proxección da nosa cultura. Sobre esta cuestión lembro que o profesor Antón Figueroa, no seu libro Nación, literatura e identidade, definía o proceso seguido pola nosa cultura como de constante "estado de obras", permanentemente en estado de construción, o que sen dúbida é un problema. Certamente calquera contexto cultural, e nomeadamente o literario, está sempre en estado de construción porque de non ser así estariamos ante unha realidade cerrada, dunha cultura museábel e, xa que logo, definitivamente "morta". Mais debemos entender que cando falamos dun contexto literario como o galego e o cualificamos de "en construción", temos en perspectiva un punto de partida, un "horizonte de expectativa" e unha utópica chegada, que, evidentemente, non queremos definitiva, senón un novo esteo no camiño do asentamento dunha lingua e dunha cultura nacionais, en definitiva, dunha cultura que quere gañar novas batallas na historia e como case sempre contra a historia, contra esa "historia contada noutra lingua" á que se refería desde o compromiso poético e político Celso Emilio Ferreiro. Ninguén pode, daquela, esquecer de onde vimos, quen somos e a onde queremos chegar.

Con respecto aos credos, Carlos, cal é o teu posicionamento?
Non teño un interese especial en manifestar unha postura política expresa, partidaria. Son un militante de base do meu país.

Como te ves: Es máis ensaísta que poeta; máis narrador que profesor?
Son un profesor que escribe, nomeadamente sobre arte e literatura.

O metafísico é unha cuestión que te condiciona no ontolóxico?
En filosofía prefiro "as cousas en si" en vez da súa forma mental. Repelo o concepto existencial-ontolóxico. Gusto do dialéctico e fragmentario e da lectura de Walter Benjamin, entre outros.

A realidade é unha transcendencia que procede da razón?
Non che son filósofo mais na pregunta anterior creo situar o meu punto de vista.

O Estado español é realmente aconfesional, ou é unha trampa legalizada?
Non, non é aconfesional como debería. É evidente que nós non fixemos a revolución francesa.

Temos posibilidades para sermos algures unha nación soberana e independente ou seremos unha discordia o rebumbio colonizado?
A independencia acho que non está no horizonte social inmediato de Galiza. Somos unha nación, mais esta concepción está sustentada por unha minoría. Os estados-nación xorden ou renacen en momentos de conflito. Non sei cal vai ser o noso futuro.

Soñas, ou soñaches, algunha vez cunha república socialista internacionalista galega?
"República", "socialismo" e "galego" non son palabras que me desagraden, mais eu soño con cousas máis de andar por casa, alén diso non considero que a miña opinión teña moita transcendencia.

Creo que xa cho preguntei, Carlos, pero vólvocho preguntar… Que é a vida despois de todo e nada?
Non che sei: memoria, afectos, ADN, ética e estética.

Cal é o teu libro de cabeceira?
Non che teño ningún libro de cabeceira. Tívenos na miña mocidade, xa ben afastada. Sigo a ler moito porque para min é unha forma de estar no mundo, de goce e de modesto coñecemento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario