Entrevista a Xusto Landeira, director de Carbónicas Landeira, na Nosa Terra
Dende cando etiquetan en galego?
Dende xuño de 2009. Con anterioridade comercializamos unha liña de gasosas e refrescos para o mercado portugués e a literatura das etiquetas é practicamente a mesma nos dous idiomas.
Por que decidiron facer este cambio?
O galego é algo noso que se está perdendo. As novas xeracións coñecen a nosa lingua a través dun sistema baseado no ensino nas escolas, pero non a nivel da rúa e do día a día. O lóxico é que se etiquete na lingua do país do que é orixinario o produto.
Cal foi a reacción do público?
A xente da zona da Coruña, sobre todo de Sada e a Costa da Morte felicitounos. E os clientes de fóra preguntaron polo significado dalgunha palabra como recendo, pero nada máis. Vendemos en Galiza e toda a zona norte e centro do Estado sen ningún tipo de problema.
Que lle achega o galego ao produto?
En Galiza temos produtos únicos e de alta calidade. Porén, non lle sacamos partido á nosa lingua para diferencialos nos mercados exteriores a través do galego. Debemos facer gala os nosos sinais de identidade para defender o noso. Se non o facemos nós no van vir os de fóra a facelo.
Van facer o cambio co resto dos refrescos que fabrican?
Si. A seguinte tirada que teñamos que facer de etiquetas para os produtos Coral e Zar vai ir escrita en galego.
E na comunicación interna da empresa?
Agora estamos inmersos nunha segunda fase de normalización: a de galeguizar toda a papelaría e comunicación interna da empresa coa axuda do Foro Peinador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario