O vindeiro día 5 de febreiro Edicións Laiovento presentará o ensaio 55 mentiras sobre a lingua galega en 63 vilas e cidades do planeta ao mesmo tempo. Este traballo, que conta cunha tiraxe inicial de 4.000 exemplares, foi coordinado por Xosé-Henrique Costas e nel traballaron unha ducia de sociolingüistas.
En dez apartados, que suman as 55 cuestións do título, os autores van dando resposta a moitas das cuestións debatidas nas últimas semanas. Por exemplo, "quen non somos falantes de galego non temos a responsabilidade de mantelo e falalo. Que se movan os que queiran falalo pero non á nosa costa".En canto á afirmación de que a maioría dos libros de texto están só en galego, os autores desta obra din que é unha mentira que non se sostén, "non hai máis que consultar as vendas das editoriais. En zonas urbanas, no curso 2007/2008, vendéronse tres veces máis exemplares en castelán que en galego dun mesmo libro de texto da mesma editora".Sobre a desaparición do castelán en moitas escolas e institutos de Galicia, que é outra das afirmacións que se escoitan desde hai un tempo, os autores do ensaio aseguran que nunca se dá un só dato, un só nome de escola ou instituto onde pase iso e pregúntanse: "¿Por que no se fai unha relación deles? Simplemente porque é mentira". Neste senso apuntan que, segundo datos da Universidade de Vigo, no curso 2008-09 na cidade olívica "só o 25% dos centros escolares cumprían o Decreto 124/2007 (o do 50% das materias en galego). O 75% dos centros escolares de Vigo incumprían totalmente o decreto de igualdade entre o galego e castelán pois as clases seguían a ser maioritariamente ou case totalmente en castelán". Son só algúns das cuestións expostas neste libro.
Presentación: 5 de febreiro, ás 20:30
Lalín, Museo Ramón María Aller: Rafa Cuíña, Alberto Granxa e Luz Méndez
A Estrada, Agrupación Cultural KenKeirades: David Otero e Antía Otero
Ningún comentario:
Publicar un comentario