Suso de Toro ven de publicar a súa última novela, Sete palabras, por esta razón fanlle unha entrevista na Nosa Terra: 'Síntome un supervivente dentro dunha xeración fusilada'
Ofrecemos un retallo da mesma:
Nun artigo seu recente falaba de que a literatura galega non aproveitou para a súa proxección estes 30 anos de autonomía.
O meu primeiro libro publícoo no 1984 e Polaroid no 1986. Naquel tempo formulaba a idea de que a literatura galega tiña que pasar de vivir na resistencia ou a supervivencia a instalarse na existencia, na normalidade. Tiñamos que conseguir que o pacto do escritor coa súa sociedade non fose repetir as consignas galeguistas senón fornecerlle literatura aos lectores e facelo en lingua galega. En paralelo sinalaba que as editoriais debían deixar de ser fundacións e pensar en proxectos empresariais e os escritores aspirarmos a exercer o oficio de escribir. As experiencias de Polaroid e Land Rover confirmáronme que había un público, limitado pero que se podía vender nun ano unha edición de 3.000 exemplares. Por iso desde entón falei de números e diñeiro. Era incómodo para min pero había que facelo. Recriminóuseme e non se entendeu. Cantos escritores demos atravesado as barreiras para poder chegar ao público lector? Non me atrevo a dicir a cifra. E ademais estamos estancados e constato que non houbo novos escritores que acadasen ese público cunha certa normalidade.
Ademais doutras circunstancias temos un país de apenas 3 millóns de habitantes.
Pero hai que relacionar o papel que teñen os escritores nos países normalizados, social e numericamente. E iso non aconteceu nos anos do nacer e medrar a nosa autonomía, que agora está en crise de existencia. O goberno de Núñez Feixóo practica a revancha de Mariano Raxoi, e amosa os fracasos de Fraga e Cuíña. En Galicia execútase, en moitos sentidos, o plano de Aznar e Raxoi. Raxoi foi o único político que sentou no noso parlamento que se negou a falar en galego. O seu programa é o vaciamento político da autonomía, e neses anos pasados foi cando a literatura galega tiña que ter desembarcado na sociedade. Non o fixemos e seguimos na marxe. Cando apareceron os escritores galegos na TVG? Tamén co bipartito. Non apareceron.
Ningún comentario:
Publicar un comentario