Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 11 de febreiro de 2010

Galego de máquina

por Pilar García Negro, sociolingüista e política, no Xornal de Galicia

Café, bebidas, comida de máquina… e, tamén, galego de máquina. Refírome á lamentábel confusión de tentar meter a lingua nun dicionario (de papel ou de computador) que nos “ordene” como debemos escreber, que está permitido e que non, cais formas son supostamente as correctas por admitidas e, xa que logo, en que marxes se pode mover a lingua escrita e a lingua literaria con aspiracións de se ver publicada. Da gravidade do que estou a nomear coido que aínda non se falou nen minimamente. Teñamos en conta que hoxe, a diferenza do que facían antano escritoras-es de máis anos, as novas e novos autores usan de forma xeral a escrita no ordenador. Se, loxicamente, a opción “galego” é a escollida, axiña comezarán as liñas a se tinxir de vermello para marcar e “castigar” as supostas heterodoxias, as diverxencias verbo dunha ríxida norma que expulsa centos de formas perfeitamente lexítimas e existentes no xeral sistema galego, formas, por certo, moito menos distantes das impostas do que podan estar millenta elementos léxicos ou morfolóxicos do, poñamos por caso, español arxentino verbo do estándar europeo, que ninguén ousaría reprimir nun texto literario ou xornalístico.
De modo e maneira que nos podemos topar con escritoras-es “obedientes” que adapten e formaten a súa prosa ou os seus versos ao permitido ou acollido nos dicionarios. ¡Penosa metonimia: confundir a lingua cun catálogo! En segundo lugar, e aínda como feito máis grave, encontrámonos co galego de máquina derivado dunha tradución automática do español, nunha incríbel operación de desfiguración e desprezo da lingua de destino, isto é, do galego. Os exemplos sobardan o imaxinábel. Eu mesma teño aparecido como “María Alicerce”; o P. Sarmiento, “P. Bacelo”; Porto Alegre, “Porto Ledo”... O penúltimo disparate tivo a ben pronuncialo, en recente discurso en Madrid, o conselleiro de Cultura, cando se referiu a un tal “Desván de los Monjes” (Sobrado dos Monxes) que seica está no Camiño de Santiago. O desleixo chega a podermos ler, en documentos municipais, “carne xove” (por carné xoven), onde a falta de acentuación gráfica se alía ao cultismo de laboratorio e, así, non sabemos se se fala da mocidade ou das xuvencas... Podemos rir o que nos pete, mais moita vontade de o faceren non a terán as e os opositores a prazas oficiais que, coa mellor vontade, escollen a versión en galego do exame e baten con enunciados das perguntas, tipo teste, absolutamente absurdos e inintelixíbeis, de novo porque alguén pensou que a lingua galega é traducíbel por unha máquina. Ao desprezo miserábel que isto supón para o galego engádese a grave discriminación á hora de poder optar a un emprego público.
Naufraga así, con tal profusión de inclemencias, a semántica do idioma, a súa esencia xenuína. Alguén, por caso, decretou que o verbo “cerrar”, en galego, non existe, e todo se volve pechar, co cal o perigo, en non téndomos chave, é evidente... Pobre galego de máquina, tan ruín como a fast food!

Ningún comentario:

Publicar un comentario