por Lois Oreiro, xornalista, no Xornal de Galicia
Nunca lle agradecerei suficientemente a dona Rosa Díez que elevase Galicia á centralidade da política española utilizando o noso xentilicio para describir a Mariano Rajoy (gallego) e a José Luis Rodríguez Zapatero (gallego no sentido máis pexorativo do termo). Moitos criticárona con dureza pero eu coido que habería que propoñela para a medalla Castelao por converter este noso País de rústicos indecisos, na vara de medirlle as fraquezas aos líderes estatais.
Ao chamarlles galegos a ZP e Rajoy para meterse con eles, dona Rosa subiunos da categoría de simples parvos, na que ela e os que son coma ela nos tiñan, á de auténticos líderes, astutos e calculadores. É todo un avance para o país do autoodio e a endofobia.
A señora Díez é continuadora dunha longa tradición insultadora moi ben cultivada por Pere Navarro, Jorge Moragas ou Cristina Narbona. Pero no seu caso hai que estarlle agradecidos polas súas ofensas porque con elas enterrou de todo as posibilidades electorais da vacilante UPyD en Galicia.
En sinal de gratitude quero continuar ese finísimo debate que iniciou sobre as “patrias chicas”, cunha cita de Quevedo moi acaída para biscaínas da súa pelaxe e os seus sosias: “Si es vizcaíno burro/eres albarda en sus lomos”. Grazas e ata nunca señora Díez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario