A CNTL (Coordinadora de Traballadores da Normalización da Lingua) foi creada en 1996 co obxectivo xeral de procurar paliar as principais eivas no traballo de normalización lingüística en Galiza.Pois tamén eles fixeron a súa análise do decreto contra o galego. A valoración, como non podía ser doutra forma, é moi negativa: aquí a tendes enteira.
Un resume en 8 puntos:
1. Debido á situación sociolingüística do noso país, no ensino é necesario que haxa un decreto que teña obxectivos normalizadores, algo que non acontece neste borrador.
2. Lonxe de procurar novos ámbitos de uso, as bases para o decreto obrigan ao abandono do galego en determinados espazos do ensino, o que é totalmente contrario á promoción lingüística.
3. Non hai ningún motivo para que o galego deixe de ser a lingua da administración educativa, o que supón un grave paso atrás.
4. Darlles a nais e pais responsabilidades de elección da lingua no ensino contribuirá a un moi negativo arraigamento do clima de confrontación no seo da sociedade.
5. Un dos obxectivos do ensino ten que ser que os nenos e as nenas acaden o mesmo nivel en galego e castelán, e tecnicamente xa se demostrou que con menos da metade de materias en galego ese obxectivo non se cumpre.
6. Cos actuais certificados de coñecemento da lingua galega (Celga) e coa retirada do estabelecemento dunha proba en galego no acceso á función pública, reducir o número de horas do ensino en galego significa que non haberá garantías de que os/as traballadores/as da administración teñan suficiente competencia para desenvolver o seu traballo público na lingua propia de Galiza.
7. Para que as medidas de cara ao incremento do uso e prestixio da lingua galega sexan minimamente eficaces necesítase unha planificación lingüística seria, consenso político e implicación da sociedade.
8. Para acadar o necesario consenso e poder desenvolver un traballo eficaz e non conflitivo a prol da lingua galega entre todas e todos, cómpre erradicar do goberno o discurso de «imposición» vs. «liberdade» e outras mensaxes negativas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario