Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 6 de febreiro de 2010

Anxo Lorenzo. A política lingüística.

Anxo Lorenzo é o actual Secretario Xeral de Política Lingüística. El é un das dúas persoas que asinan as "Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo", e cando era alguén, ocupaba a praza de profesor titular de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade de Vigo e publicaba traballos, sobre todo no eido da normalización e a sociolingüística.
O seguinte artigo, da súa autoría, foi publicado o 10/05/2008 na Nosa Terra. Nel explica a súa opinión sobre o decreto vixente, o aprobado polo goberno bipartito no 2007. Aquí vos vai:


Amparados nese “pacto lingüístico”, os diferentes gobernos do Partido Popular aplicaron unha política lingüística de baixa densidade e intensidade. Os seus sinais de identidade en materia lingüística foron os de lexislar pouco, non desenvolver a planificación lingüística e non se preocuparen excesivamente porque se cumprisen as poucas normas lingüísticas (ou con repercusións lingüísticas) que eles mesmos aprobaban. Foi, en definitiva, unha política lingüística inhibidora e de profundidade escasa na promoción da lingua galega. A coartada ideolóxica para non facer máis chegoulles aos gobernos populares da man do bilingüismo harmónico (BH), construto ideolóxico de feble baseamento epistemolóxico que foi deseñado ad hoc para xustificar aquela política lingüística rácana. Agora ben, o BH é un construto partidista promovido exclusivamente polos gobernos fraguistas, sen que en ningún caso formase parte do “consenso lingüístico” inicial.O cambio de goberno
Co cambio de goberno, unha coalición PSdG-BNG non pode desenvolver a mesma política lingüística có PP. Abonda con ler os programas electorais das últimas eleccións autonómicas para comprobalo. Agora ben, cambiar os vimbios, o rumbo e mesmo o ritmo desa acción lingüística gobernamental non significa que se estea a alterar o “consenso lingüístico”: o que este goberno pretende é, seguindo no mesmo modelo, afondar en certas estratexias planificadoras que lle dean ao galego un maior folgo social e institucional. E unha boa proba disto é o novo decreto de ensino aprobado o ano pasado.O novo decreto persegue o mesmo obxectivo có anterior: que todo o alumnado aprenda por igual galego e castelán. A principal novidade é a estratexia para acadar ese obxectivo: aumenta a porcentaxe de materias que, como mínimo, se deben impartir en galego. Significa isto un cambio no modelo de ensino bilingüe instaurado en Galicia desde 1983? Por suposto que non: nin hai modificación do obxectivo lingüístico final (competencia nas dúas linguas oficiais), nin se está implantando a inmersión lingüística, nin se obriga a ninguén a usar unha lingua ou outra.En cambio, son outros os que si queren unha mudanza no modelo lingüístico educativo, pedindo a segregación do alumnado en función das preferencias lingüísticas familiares. E isto, que altera o “pacto lingüístico”, tamén o reclama agora o PP: despois de máis de vinte anos valorando os beneficios do bilingüismo educativo, de termos estudantes que coñezan as dúas linguas oficiais por igual, esta forza política opta agora por apoiar un cambio de rumbo cara á separación das linguas na educación. Quen se aparta nesta cuestión do “consenso lingüístico”?Argumentar que o presidente da Xunta de Galicia está a modificar o “modelo lingüístico” de Galicia é unha falacia. Quen se está afastando dese consenso é o Partido Popular, na procura dun rédito político a curto prazo, descolocado polo seu papel de oposición despois de tantos anos de goberno. Ademais, o que o PP non acepta é que haxa outras formas de facer política lingüística, diferentes das súas, máis centradas na promoción e na revitalización da lingua galega, sen imposicións nin obrigacións, pero con firmeza nas estratexias de acción positiva e na utilización da planificación lingüística como ferramenta de traballo. Algo que eles non quixeron ou non souberon facer cando foron goberno. E esa nova política lingüística está integrada sen maiores problemas no “pacto lingüístico” consensuado hai máis de vinte anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario