Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 4 de febreiro de 2010

55 mentiras sobre a lingua galega.2


Hai uns días destacábamos a inminente presentación do libro "55 mentiras sobre a lingua galega" en máis de 70 actos por vilas e cidades de Galicia e de todo o mundo. Esta presentación celebrarase mañán, e hoxe aparecen novas sobre o asunto en diferentes medios.




En Vieiros ofrécenos o limiar do mesmo:

Hai moitas maneiras de faltar á verdade, e tamén existe-dise-escusas que xustifican ese dubidoso comportamento; gústanos falar de mentiras “piadosas”. Desde logo que as que desmonta este libro non o son. Trátase dun conxunto de falacias co único fin de destruír a parte do universo que o noso idioma representa. Naceron movidas polo desprezo e por ideoloxías que xogan a proclamar todo aquilo que non son. Mesmo están as que posúen o cheiro inconfundible do odio.Non sabe vostede, ou se cadra si, o difícil que resulta para o profesorado de Lingua Galega no exterior (en Tubinga, en Toronto, en Varsovia, etc,) dar explicado a un universitario alemán ou a unha alumna canadense que certa xente censada neste noso país dedica moito tempo a combater a existencia plena, culta e oficialmente recoñecida do seu propio idioma. Un amor elemental á humanidade fainos crer que tal cousa non é posible.Cando a lingua (e a literatura) galega moderna se refundaba no XIX os seus inimigos pensaron que un par de mentiras serían abondo para desacreditala e facela desaparecer. Tamén hai pouco menos dun século, os entusiastas defensores do idioma esixían a súa oficialidade. Son parte da memoria comunal da mesma maneira que pasou ao esquecemento colectivo o nome desoutros que vertían descualificacións contra o galego, considerándoo un estorbo antes que unha ferramenta.Quizais por iso, porque coñecen a historia algo mellor do que dan a entender, hoxe nin seuqera os adversarios menos disimulados do idioma se atreven a esixir a súa desaparación da vida pública. Pero repetindo mil veces o que non existe coidan que a confusión e a ignorancia conseguirán dividir a sociedade. Calculan mal. E subestiman un país enteiro. Este libro contribúe a desenmascarar a quen só coñece palabras de exclusión, de segregación e de negación. A limpeza dos feitos volverá a ser a súa derrota. Por iso, porque debulla argumentos xa ben coñecidos na comunidade científica nacional e internacional, porque responde ao sentir da maioría da poboación galega, polo seu rigor breve e ameno, esta obra vai resultar unha moi boa noticia. A publicación dun manual contra a mesquindade sempre o é.


Na Nosa Terra temos unha entrevista a Henrique Costas, director da área de Normalización da Universidade de Vigo e coordinador da publicación:

Por que ten definido a obra como un manual de autodefensa?
Porque a mentira é unha agresión contra a nosa lingua, contra quen fala galego e contra a nosa dignidade e neste contexto temos que defendernos con argumentos. Trátase dun libro para acabar coa mentira.
Cales son os prexuízos máis comúns verbo do galego?
O galego non é útil, estase a cambiar a norma constantemente –cando o español se ten modificado moito máis que o galego–, a lingua actual é de laboratorio, é difícil de sistematizar... casos que no caso do español son moito máis esaxerados. Tamén din que non se poden explicar todas as áreas en galego porque non posúe un léxico axeitado...O suposto “tres ao caldeiro”...
Si, como o de “leiras magnéticas”... Todo isto é falso. Que digan en que centro de ensino, quen e cando dixo algunha destas expresións. Tamén está a mentira de que a maioría dos libros de texto están só en galego. Segundo as editoriais, véndense tres veces máis de exemplares en castelán que en galego dun mesmo libro de texto da mesma editora.
Quen busca o esmorecemento do galego?
A ideoloxía recentralizadora do Estado que está armándose nos laboratorios da FAES e que non só é de dereitas. Son os que defenden que cómpre “españolizar España”. A meirande parte dos medios de comunicación estaban interesados en que caese o bipartito e seguiron as directrices de Madrid. Foi entón cando empezou a xurdir a falsa imposición do galego e cando comezaron a encher minutos de televisión e páxinas de xornais personaxes como Gloria Lago ou Ignacio López Chaves. O discurso antigalego callou na sociedade e chegáronse a ver reaccións realmente agresivas contra a nosa lingua.
Como rebater esa carraxe?
Dificilmente, porque non gozamos dos altofalantes dos que dispoñen os asimilados que atacan a lingua. Con todo, temos ao noso favor que o pobo lle quere ao idioma. Hai mesmo votantes do PP aos que lles doe a política lingüística que segue o partido. O que podemos facer para que o galego sexa visíbel é non cambiar de lingua. Existe unha pauta de comportamento lingüístico que cómpre desterrar: cando unha persoa se dirixe a nós en castelán, os galegofalantes cambiamos de lingua e respondemos na do noso interlocutor. Isto supón unha ocultación case total da lingua. A transgresión desta norma tan falaz –das máis lesivas para o galego– é unha das condicións esenciais para avanzarmos na normalización.


No libro fala do bilingüismo...Existen individuos bilingües, pero non as sociedades bilingües. En Galiza dáse o bilingüismo asimilatorio, xa que o galego é absorbido polo español porque nin se reforzou a nosa lingua nin se aplicou a lexislación lingüística. Non é normal que un xuíz lle pida a un avogado que deixe de usar o galego, que para asinar unha hipoteca en galego se tarde un mes ou que para que un vigués busque un funeral en galego teña que ir dar a Cedeira (Redondela) e aínda para máis escoite dos curas que “a que vén o empeño de politizar un funeral”... Isto demostra que en Galiza hai imposición do castelán e emposición (expulsión) do galego.O libro fala da síndrome de Michael Jackson en Galiza.
Estabelécese un paralelismo coa etnia. No Brasil, os máis racistas son os mulatos, que defenden que non son negros. En Galiza acontece algo semellante co idioma. As persoas máis refractarias son galegofalantes arrepentidos ou xente que procede de galegofalantes. Connotan a nosa lingua negativamente e impiden que os seus fillos a utilicen.


Vostede foi compañeiro na Universidade de Vigo do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. Que lectura fai do papel que está a desenvolver?
Triste e completamente desconcertado. Todos os que coñecemos o seu traballo estamos abraiados e arrepiados coas medidas que está a tomar en contra do galego, mesmo os que o celebramos cando foi nomeado... O peor é que Anxo Lorenzo coñecía os males da nosa lingua e sabía como atallalos e no canto de remendar as doenzas do galego está empeorándoas. Agora actúa como un histórico militante do PP centralista. Queimou todas as naves e xa non ten volta atrás.
Cal é o horizonte do galego na sociedade actual?
Cómpre corrixir a situación con educación, para o que fai moita falta a pedagoxía social e o diálogo sen rebaixas. Porén, hai que dialogar sempre para mellorar e nunca para retroceder. O plurilingüismo é un ben que se lle fai á sociedade, pero quen sabe galego, sabe máis. A nosa lingua debe ser a base da educación e non se pode eliminar para introducir outro idioma. Non se pode impartir menos do 60 por cento da lingua que se quere protexer. Todo o que baixe desa porcentaxe está abocado ao fracaso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario