Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse o 17 de maio do 2010, ante pleno extraordinario da Real Academia Galega (RAG), a tratar de establecer "un grande pacto pola lingua", que foi o que sucedeu realmente?
Dez días despois, 27 de xuño, a Xunta aproba o funesto Decreto de Plurilingüismo, contra pais, profesores, partidos, sindicatos e demais axentes sociais. Ulo o pacto?
Ao pouco, (mes de xuño) a Xunta remite aos centros a consulta sobre o uso das linguas en infantil, co obxectivo de reducir o seu uso nesta etapa. A un tempo, nese mesmo mes de xuño, elimínanse as liñas de galego existententes en 47 centros das cidades para aqueles colexios que as implantaran con carácter voluntario. Estes programas tiñan gran demanda, porén sen explicación ningunha son fulminadas. Este ataque é completo e sistemático, e verifícase e pode comprobarse que tamén se leva a cabo fóra do mundo estrictamente educativo. Despois de desapareceren medios fundamentais para a análise social e política como Vieiros, e case Chuza!, vimos como a divulgación da cultura galega é podada por aquí e por alá na radio e na televisión, ou na arañeira da rede (pensemos na inexplicada eliminación de flocos.tv).
Para tapar as críticas que estaban a chover sobre a aplicación do Decreto de Plurilingüismo, a Consellería de Educación incrementa en 2,3 millóns de euros a partida para a subvencionar a substitución de libros de texto en galego por outros en castelán.
Co inicio do curso non veríamos outra cousa que amezas ao profesorado interesado no ensino e cun compromiso ético coa normalización, atrancos aos Equipos de Normalización. O resultado de todo esta desfeita educativa puidémola ver encarnada neses minutos en que unha concursante de Gran Hermano encheu de prexuízos as ondas e as redes.
Un instulto directo á cidadanía desde o propio parlamento galego tivémolo cando a ILP promovida por Queremos Galego foi rexeitada con mentiras que poñen rubio a calquera que teña un mínimo de respecto pola súa identidade. Todo isto adobado con perversións tales como a campaña "Gallega 100%", na que se pretendía promover a calidade do leite do país., nas trabas para permitir un uso reducido do galego no senado e a prohibición completa nas Cortes do estado, na evidencia de que na universidade galega se presentan máis teses en inglés ca en galego,
No mundo da xustiza neste mes de maio cumpriuse un ano da implantación dun programa, o Minerva Nox, que impide o uso do galego nos procedementos xudiciais. Curiosamente a SXPL sobre este tema non di nin unha soa palabra, iso si, négase rotundamente a colaborar co Correlingua porque estas xornadas están orientadas a manifestar e reivindicar o orgullo de usarmos o galego; moi propio desta SXPL que considera "normal" a xudicialización da regulación dos usos do galego no ensino. Cantos recursos van xa contra o decreto?, están o da Mesa, o do STEG, outro da RAG .
Ata tal punto chegou o acoso á lingua galega que ata ProLingua, unha asociación creada sobre a base de que non promoverá accións colectivas, se veu na necesidade de espallar un documento en defensa da Lei de Normalización Lingüística, unha lei que agora se redescubre como o summun da defensa da lingua cando non é máis que un instrumento lexislativo tan light que case se volveu transparente. Claro que diante do radicalismo instalado na Xunta, calquer apunte, por mínimo que sexa, que non vaia na dirección dun ataque ao galego, aparece deformada como unha monstruosidade do averno.
Mañán, 17 de maio, é un día incómodo para Feijóo, mais el sabe que só dura 24 horas e que en menos dunha semana previsiblemente unhas eleccións municipais van darlle ao seu partido uns bos resultados que vai volver a usar para continuar co seu asedio sistemático ao galego. Así, que se Feijóo tende a man no día de mañán, pensemos que está a piques de poñer en práctica a chamada Lei de Convivencia e Participación, que na práctica vai consistir no abuso do poder que ten nas súas mans para seguir reducindo o uso do galego no ensino. E despois?, despois máis do mesmo, a seguir tratando a nosa lingua, o noso ben máis prezado, peor que se fose unha lingua estranxeira, e a seguir tratando aos seus defensores como apestados.
Creo que debe constar que a CIG-Ensino tamén ten presentado un recurso contra o Decreto de Plurilingüismo.
ResponderEliminarCreo que tes razón, que ata falei unha vez con Héctor López de Castro sobre o asunto, que creo que é polo menos un dos que leva o recurso da CIG. A miña idea era poñer que eses eran ata o momento os admitidos a trámite.
ResponderEliminar