Ramón Lorenzo (Eirapedriña, Ames, 1935) recibirá este ano o Premio Trasalba 2011, que cada ano entrega a Fundación Otero Pedrayo. Con este galardón, celébrase a súa longa traxectoria como escritor e investigador. Lorenzo é catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Foi un dos cofundadores do Instituto da Lingua Galega (ILG), que a semana pasada celebrou o seu corenta aniversario. Ademais, Lorenzo é especialista en literatura medieval e creador da revista Dorna. É membro de número da Real Academia Galega e foi un dos compoñentes do grupo Brais Pinto, xunto a Fernández Ferreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Herminio Barreiro. No último domingo de xuño, Ramón Lorenzo recollerá o premio Trasalba nunha festa ao redor da lingua galega.
Dá vertixe recibir un premio a toda unha traxectoria como é o Trasalba?
(Ri) Este tipo de premios recíbense sempre con alegría e con gran pracer. Estou encantado de que decidisen darmo.
Outra alegría para vostede estes días foi a celebración do corenta aniversario do ILG, do que forma parte vostede dende os comezos. Nese afastado 1971 pensaban que o Instituto se ía converter nunha peza clave para a normalización e estandarización do galego?
Adiviñar o futuro sempre é difícil e xa van corenta anos alá... O que tiñamos claro é que precisabamos facer algo a prol da lingua e que os métodos de galego eran algo fundamental que había que facer. Daquela non existía ningún e só había algunhas gramáticas, pero estaban en castelán e non respondían ás necesidades de aprendizaxe da lingua. Tiñamos esa conciencia de que había que facer ese traballo e de feito fomos facendo cada día máis. A propia creación do ILG respondía a unha conciencia que nos dicía que había que loitar neses momentos difíciles.
Hoxe a lingua vive tamén momentos difíciles?
Son momentos bastante difíciles, a situación non é nada boa. As autoridades políticas que nos mandan actualmente non están polo labor de potenciar o galego. Sabemos que o PP non ten interese ningún pola fala. O equipo actual segue totalmente as consignas que veñen de Madrid. Non o faría mellor o PSdeG, porque os dous son partidos nacionalistas españois que non teñen interese polas outras linguas do estado. Nos momentos actuais non se fai un labor positivo, mais ben todo o contrario.
A semana pasada escoitamos da boca do presidente da Xunta varios conceptos referentes á lingua e ao galeguismo. O Día das Letras Galegas, Feijóo dixo que Lois Pereiro era símbolo do “galeguismo cordial”. O día antes, rexeitaba o “galego de resistencia”. Que pensa destas palabras do presidente?
É un absurdo que xa non ten nada que ver coa realidade. Está claro que el sabe falar moi ben e que todo o PP ten unha dialéctica tremenda para terxiversar a realidade. Eles, os do PP, non fan ningún galeguismo cordial nin da cordialidade, o que fan é atacar o galego. Fan todo o contrario. Nós non facemos galeguismo de resistencia, o que facemos é defender a lingua. O PP terxiversa a realidade e logo convence a moita xente de que nós somos os malos e eles, os bos. Nestes momentos, nos que fan todo en contra do galego, oxalá houbese un galego e un galeguismo de resistencia forte. E que o pobo reaccionase máis.
Este Ano das Letras foi un ano moi activo ao redor de Lois Pereiro. Hai medo na Academia de que o próximo ano toda esa actividade desapareza? Imaxino que dependerá de a quen se escolla, non?
Sempre depende da elección. Uns nomeados sempre teñen máis capacidade ca outros para reunir a xente e que se fagan actos. Este ano estaba condicionado tamén pola vida deste home, non só pola súa obra, que estaba formada por pouca literatura... Iso si, pouca, pero boa literatura. Tamén podemos supoñer que todos estes actos teñen que ver coa situación lingüística. Eu espero que vaia a máis non só o Día das Letras, senón todo o Ano das Letras.
Nos últimos meses houbo un debate ao redor da presenza feminina na RAG. Que opina deste debate como académico?
E por que non falan da presenza feminina noutros eidos? A Academia non é unha institución para meter homes ou meter mulleres. Na Academia entran personalidades pola súa traxectoria e non temos que estar pensando en que ingrese un home ou ingrese unha muller. Por que non se fala diso en todos os sitios? É unha cousa absurda. Ademais, se miramos a cantidade de escritoras que houbo, non agora, senón antes... Pois vemos que non hai tantas para poder escoller. Antes había máis escritores e menos escritoras, lamentablemente. En fin, a min non me gustan estas polémicas. A RAG non é un partido para falar de cotas nin de porcentaxes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario