Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 11 de maio de 2011

Xornada "Escribir de ciencia en galego"

O CCG invítanos a unha xornada titulada "Escribir de ciencia en galego" que se celebrará o vindeiro venres 20 de maio no Pazo de Raxoi, en Santiago. Do programa da xornada sacamos a seguinte presentación:

Os primeiros traballos científicos escritos en galego foron realizados no Seminario de Estudos Galegos, antes da Guerra Civil. De todas as maneiras, non tiveron continuidade ata a década dos anos setenta do pasado século na que científicos illados comezaron a utilizalo nos seus traballos. A maioría deles foron realizados ao abeiro de institucións ou grupos que primeiro permitiron e despois promoveron o seu uso. Neste período de máis de corenta anos a experiencia da escrita científica experimental en galego foi do máis variada e abarcou practicamente todos os seus formatos. A súa sorte foi tamén do máis diversa, aínda que en xeral proxectos de longo percorrido no tempo houbo moi poucos, pois o contexto intelectual e político no que se desenvolvían non foi, decote, doado.

Neste momento en que o inglés se está a promover como lingua hexemónica da comunicación científica experimental, e outros idiomas, mesmo o castelán e o catalán, están a ter serios problemas nestas funcións, cómpre reflexionar sobre cal pode ser o papel do galego no futuro. Os formatos da comunicación científica son diversos, comezando polo traballo de investigación básica en revistas de difusión internacional e rematando polas publicacións divulgativas ou pedagóxicas. E, certamente, as capacidades e o futuro do galego como lingua de comunicación científica non son as mesmas segundo sexa o formato considerado. Cómpre, pois, reflexionar dun xeito realista e intelixente sobre estes puntos para conseguir que no día de mañá o galego non deixe de estar presente nun eido tan fundamental para a cultura como é o da ciencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario