Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 10 de maio de 2011

O por que da divulgación científica

Un dos eidos que aínda fica fóra da normalización é o da divulgación científica. Sen ensino da ciencia en galego e sen popularización dos seus contidos na nosa lingua, estamos pechando o noso propio desenvolvemento. Por iso, para irmos sentando as bases do mundo que queremos construír, será fundamental termos en conta reflexións como esta que deixo aquí abaixo, tirada do Xornal ,  e cuxo autor é Sergio Irigoyen:

En moitas ocasións, os científicos parecen pechados nun mundo diferente ao do resto dos mortais e que consiste en dicirnos como funciona o planeta no que vivimos e que ás veces a eles lles cadra un pouco afastado. Por outra banda, os medios de comunicación semellan estar pouco interesados en promocionar temáticas científicas. Se cadra, ninguén ten a culpa de esto, pero por que o interese de divulgar o coñecemento? Porque a ciencia mola.
Sen a divulgación científica non poderiamos saber que con toda a burrada de millóns que están gastando no LHC poden crearse terapias moito máis seguras e eficaces para curar o cancro e que o orzamento en investigación aeroespacial pode evitar que un meteorito provoque un cataclismo da mesma magnitude que o que extinguiu os dinosauros dentro de un par de décadas. Mesmo que investigando as libélulas poidamos ter indicios dos niveis de contaminación dos ecosistemas galegos. E iso é importante para ter unha idea formada do mundo que nos rodea. Pero o que mola é que cando che pregunten no Trivial poidas dicir que o elefante é o único mamífero que non pode saltar.
Se pensamos por un intre cal foi o científico máis importante da Historia, diriamos case todos que Albert Einstein. Se facemos o propio cun científico vivo virá á nosa mente Stephen Hawking. E que teñen os dous en común? A súa actividade divulgadora. Moita menos xente diría outros científicos como Nicola Tesla o Niels Böhr, pese a que a súa contribución na Física foi, se cadra, moito máis importante. Pero todo o mundo escoitou falar sobre a teoría da relatividade e dos buratos negros e menos da dualidade onda-corpúsculo.
Pero que importancia teñen os científicos? Por que deben ser coñecidos os seus méritos? Polo mesmo xeito que un futbolista ou un escritor. Porque disfrutamos do que fan, gústanos o seu traballo e a contribución que faga un mundo mellor... Ou non. Pero mola. Porque a día de hoxe é impensable un xornal sen cultura ou deportes, pero son moi poucos os que se atreven a incluír unha sección diaria de ciencia, co seu encabezamento, se cadra porque se pensa que os lectores só con ver a palabra ciencia, en grandes letras, abrindo unha páxina, caen nun estado de somnolencia profunda.
Creo firmemente que unha aposta máis grande pola divulgación científica pode lograr a unha mellor formación dos cidadáns para coñecer o mundo, ou se non, polo menos poderemos saber que o mamífero que menos súa é o cocho, por moito que diga o refraneiro popular.

Ningún comentario:

Publicar un comentario