A celebración das Letras Galegas co 17 de maio segue a ser unha das iniciativas máis intelixentes que xurdiron neste país. Cómpre lembrar outravolta o nome de Paco del Riego que foi o inventor deste acontecemento. Prosegue con vitalidade esta data simbólica que se espalla ao longo do ano salientando a obra dun autor. Nos tempos últimos, as decisións da Real Academia Galega foron tan atinadas que debullan unha fermosa dinámica e un novo impulso para esta efeméride, que nunca tivo tanto éxito como agora.
Alén do ritual oficial, as celebracións dedicadas a Uxío Novoneyra e Lois Pereiro representan un auténtico revulsivo en defensa da lingua e da nosa cultura. Houbo un eficaz e rigoroso traballo de recuperación de textos, unha chea de imaxinativas homenaxes que expresan un ben merecido agradecemento colectivo polo seu traballo.
A súa autenticidade, heterodoxia e transgresión foron o cerne do éxito. Autores que desenvolveron un traballo literario de ambición universal. Que Galicia é unha potencia poética coido que fica argumentado só cunha ringleira de nomes: Rosalía, Manuel Antonio, Pimentel, Díaz Castro, José Ángel Valente, Avilés de Taramancos, Uxío Novoneyra, Lois Pereiro e outros moitos nunha ladaíña interminábel á que abofé podemos incorporar máis nomes dun talento indubidábel.
Nesta altura, o gran éxito e difusión que están acadando as homenaxes a Lois Pereiro resulta ben emocionante. Centos de actividades dende moitas frontes que axudan visibilizar a súa figura e labor. Unha manchea de libros ao redor do seu traballo. Reedicións e descubertas. A tradución ao castelán da obra completa e unha escolma ao inglés anuncian unha proxección en marcha. Cómpre felicitar a RAG pola súa defensa da lingua e polas boas decisións que está a tomar no Día das Letras. Nese senso foi atinado o artigo de Alberto Ramos hai uns días en Xornal de Galiciacando fala do furacán Lois Pereiro. Sinala a dificultade de atopar un nome que prosega nesta liña de radical heterodoxia rupturista.
Nesa reflexión conclúe o seu artigo, mais poderiamos talvez dicir que existen autores-fenda, auténticos transgresores, hai lóstregos segredos na nosa cultura, algúns soterrados aínda nun certo esquencemento.
Raiolas existenciais cunha importante labor literaria como Xohán Casal e Reimundo Patiño, dous amigos que compartiron a miseria moral da posguerra, a tatuaxe do medo provocada polo xenocidio selectivo que sufriu a nosa terra, dous vangardistas que xeraron obras intensas. Reimundo Patiño, como acontece con Luis Seoane, ten ademais da pintura e do labor pioneiro no cómic co O home que falaba vegliota unha ben notábel aportación literaria.
O seu libro de poemas Bandeiras neboentas (Espiral Maior) é memorábel. Conferencias, artigos, teoría da arte, nun labor arreo de axitación cultural.
A obra de Xohán Casal, centrada no relato breve (O camiño de abaixo) mais con poemas coma O Campo da Rata (ao redor dos crimes na Coruña) expresa así mesmo o desasosego existencial nunha lúcida e intensa escrita inzada de autenticidade.
Tamén paga a pena que a mocidade coñeza o esforzo creativo destes autores heterodoxos que xeraron novos mundos entre nós. Reinventaron nun certo xeito a Galicia co seu talento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario