Cáseque como remate da extraordinaria conferencia que nos ditou o Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, don Carlos Varela, fíxonos o conferenciante unha referencia á pedagoxía social do idioma e á súa necesidade, como básica, para a mantenza e o desenvolvemento necesario do galego ante o pobo.
Nesta idea, básica como dixo o zeñor Varela, atópase un estes días coa nova dun Proxecto de lei que acaba de presentar e defender no Parlamento de Galicia o partido gobernante a data de hoxe no noso país, proxecto de lei que, aínda por riba, seica chaman de Convivencia, sen que se saiba de que convivencia se trata xa que, polo que parece, resulta que se trata de manter o predominio, –non a igualdade–, do castelán por riba do galego, xa que, según di a propia letrada da Xunta de Galicia no seu informe, no tal proxecto de lei hai “inseguridade xurídica” e un “grao de inseguridade moi grande”. E, como xa se apuntou no remate da conferencia de Varela, e leva dito en varias ocasións o asinante da presente opinión, o idioma galego precisa de axudas especiais polo que, a chamada Convivencia Lingüística, non pode quedar tan só nas mans do país, xa que a súa obriga non é a de pospoñer a un segundo plano o galego, dentro dun bilingüismo falso, senón, por forza, a de soster o idioma pese aos ataques que contra el se organizan cada pouco en tódolos sitios.
Por iso, correspóndelle á administración galega, non só a defensa do idioma castelán, que tamén, aínda que a quen lle tocaría ese papel habería de ser á administración do Estado, mais, sobre de todo, a defensa e reforzamento especial do galego porque, coma di a nosa Constitución no seu preámbulo, hai que protexer especialmente as “súas linguas” e, moi en especial, as distintas modalidades lingüísticas coma un “obxecto de especial respecto e protección”. Se, logo disto, pasamos á nosa terra, atopamos no Estatuto de Autonomía, art. 5, que “a lingua propia de Galicia é o galego” e ademais, que “os poderes públicos de Galicia … potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa…”. Coido que non se pode facer mais que, seguindo a tese do señor Varela, adicarse a facer unha forte e verdadeira “pedagoxía social” con respecto ao galego. O da convivencia lingüística co castelán é outra cousa que, dende logo, non merece unha lei do Parlamento de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario