Se non escribise un artigo do tenor deste, non podería considerarme unha persoa coherente, nin ser eu mesmo. Desculpe o lector habitual desta columna se falo en primeira persoa para tentar facerlles chegar a opinión dun modesto/molesto militante dun partido que en ocasións saca os pés do testo para denunciar situacións traxicómicas producidas dende as salas de máquinas da súa organización.
Unha ofrenda floral na tumba de Castelao en Bonaval non pode ser un exercicio de cinismo partidista, mantendo unha calculada equidistancia entre o que un afirma e o que un fai. Sempre digo que sen dúbida o rianxeiro é un dos máis importantes símbolos de Galicia, pero está lonxe de representar, tristemente, moitos posuidores da veciñanza civil galega. Castelao non pode representar a un “logaritmo neperiano” político artificial, chamado “galeguismo cordial”. No Partido Popular militamos unha morea de militantes de sentimento galeguista, uns con base máis ideolóxica, outros con pouso máis populista. Militantes que veneran a figura de alguén fundamental para entender esta terra e aos que causa proídos a sistemática prostitución da súa figura por distintos persoeiros situados ideoloxicamente na beira contraria á que pretenden conquistar. Sería moi curiosa unha hipotética visita do Dalai Lama á tumba de Mao Tse Tung, a de Madoff á de Karl Marx, ou a mesma de Quevedo á de Góngora, para encomiar o contrario do que todos os días estou representando.
O pensamento político do rianxeiro é incompatible coa diglosia funcional escondida debaixo do “bilingüismo harmónico”, como o é con calquera medida que produza unha descompensación funcional entre un idioma que parte dunha posición de inferioridade e outro que se potencia, cando a súa superioridade cuantitativa tende a aumentar exponencialmente a costa do propio de Galicia. Mais se engadimos a concepción nacional de Galicia que tiña un e a relación rexión-Estado, que fomentan gran parte dos outros, atoparémonos nun galimatías existencial no que se o minuendo é Galicia e o sustraendo determinadas políticas con filia centralista, o resultado non pode ser outro que o cinismo calculado.
Pretender que Castelao sexa unha thermomix que valga para un roto e para un descosido é, cando menos, perigoso. Porque a calidade do produto pode parecer boa, máis o sabor pode ser en ocasións rexeitado por ser insoportablemente artificial… Ou non?
Ningún comentario:
Publicar un comentario