Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 6 de maio de 2011

Hai camiños de saída?

por Henrique Monteagudo, no periódico El País:

"Na voda da miña irmá menor, as tarxetas de convite estampáronse en galego. Neste mesmo idioma se imprimiron os menús do banquete e foi oficiada a cerimonia. Así foi que durante a comedela, un comensal lembroume que cando eu casara, dez anos antes, todo iso se fixera en castelán, e observou: 'Moito avanzou o galego desde aquela!' Eu retruquei: 'Si, pero na miña voda todos os convidados falaban en galego, mentres que hoxe boa parte deles falan castelán".
Con maxistral capacidade para abonar con exemplos gráficos o seu discurso sempre incisivo, Xosé Luís Barreiro Rivas contaba estoutro día a devandita anécdota no transcurso dos XIII Encontros pola Normalización Lingüística. Desde as altas responsabilidades que exerceu nos Gobernos que na década dos anos oitenta puxeron en marcha a nosa autonomía, o relator tivo un papel crucial no asentamento das bases da política lingüística en Galicia. Abondará con citar a oficialización do galego na Administración autónoma, a aprobación da Lei de Normalización Lingüística e a posta en marcha da Radio e a Televisión de Galicia.
- Política e sociedade. 
Da brillante palestra que Barreiro debullou saliento dúas reflexións. Primeira, as políticas públicas de promoción da lingua xa non son tan decisivas hogano coma outrora: o protagonismo pasou das institucións á sociedade. Por aí ía anécdota. Segunda, o aspecto máis grave das liortas políticas sobre o idioma provocadas polo PP nos últimos anos non foi a discusión sobre as porcentaxes de uso do galego no ensino, senón que o partido maioritario e de goberno en Galicia poña en cuestión os dous principios básicos da política lingüística da autonomía: a consideración do idioma propio como elemento cohesionador da sociedade, cun papel central na definición da nosa identidade colectiva, e o consecuente firme compromiso dos poderes públicos coa súa promoción.
Canto ao primeiro, Barreiro argumentaba que as políticas de normalización que non son sustentables no medio prazo acaban por tornarse inefectivas, e quen lles outorga a sustentabilidade son os axentes sociais. O estatuto político-legal e institucional crea o marco, os gobernos esbozan o deseño, pero son os axentes sociais os que pintan o cadro. Subscribo esa idea, con matices, en que seguramente Barreiro non discordaría grandemente. Con certeza, o marco é mellorable (como nos lembraron argumentadamente as xuristas que falaron nos ditos Encontros), pero tamén dá para pintar un cadro máis xeitoso ca o que nos está saíndo.
De feito, o menos que se pode dicir é que ás políticas lingüísticas dos sucesivos gobernos faltoulles pulo e visión a medio prazo. Certo é que ningunha forza política foi quen de achegar alternativas globais claramente preferibles, senón, todo o máis, parches adoito dubidosos. O Bloque Nacionalista revelou moita capacidade para actuar á defensiva (aínda así, con torpezas inauditas) pero non tanta para artellar un programa serio e factible. Por sinal, o actual portavoz parlamentario para a lingua resume cabalmente nas súas actuacións as limitacións do BNG neste terreo, o cal é especialmente de lamentar tendo en cota a delicadísima conxuntura que estamos atravesando. Pola súa banda, o Partido Socialista exhibe un currículo ben contraditorio: a militantes socialistas se deben varias das iniciativas máis positivas e relevantes a prol do galego (nomeadamente na acción municipal), e tamén algunha das máis polémicas (abondará con evocar o nome de Paco Vázquez). Francisco Cerviño personifica o mellor que o PSdG pode ofrecer: compromiso rexo, ponderación e unha actitude construtiva. Canto ao Partido Popular, é o principal responsable do que hai, para ben (moito non é) e para mal (sobexo resulta). Agustín Baamonde representa esa dupla faciana, o amable doutor Jekyll pugnando para preservar os trazos galeguistas do seu rostro, que se van confundindo cos do tétrico míster Hyde.
- Sociedade e política. 
No tocante á sociedade, aquece comentar a análise que Carlos Neira presentou nos citados Encontros a partir dunha enquisa referida ás actitudes lingüísticas da poboación galega realizada a fins de 2009 polo Consello da Cultura. Resumo apertando moito as súas conclusións. Para comezar, unha ampla maioría da poboación mostra actitudes favorables á promoción do galego, sobre todo no tocante á capacitación (case o 90% da xente pensa que todos os galegos deben saber falalo e escribilo), e nese sentido obsérvase unha notable esixencia cara ao funcionariado, as empresas que prestan servizos públicos (medios de comunicación, comercio e banca) e a clase política. Igualmente, a noción de cortesía lingüística suscita un consenso amplísimo: nove de cada dez galegos pensan que é de boa educación que cada cidadán sexa correspondido no idioma que utiliza (galego ou castelán), e por tanto, debe ser atendido e recibir servizos na lingua da súa preferencia. Á luz disto, resulta unha inadmisible falta de respecto o tratamento que algunhas empresas deparan ao galego. O último e máis clamoroso exemplo, a cacarexada Marineda City. O que merecen é que correspondamos con desprezo proporcional. Para que logo se queixen das previsións galeguizadoras da deostada Lei do Comercio impulsada polo anterior Goberno!
En segundo lugar, a maioría da poboación entende que as políticas de promoción do galego deben ser respectuosas coas liberdades individuais, ou mellor, deben ter como obxectivo incrementar a liberdade de opción dos cidadáns. Neste senso, quizais o resultado máis significativo da dita enquisa é que unha porcentaxe idéntica de persoas (por riba dos dous terzos) considera igualmente prioritaria a promoción do galego no ámbito público e a preservación da liberdade lingüística individual. Non anda moi lonxe isto da idea que os redactores do informe do IGEA, publicado hai uns meses, quixemos plasmar na fórmula de bilingüismo restitutivo, precisamente tentando evitar a súa manipulación contra o galego. A todo isto, Carlos Neira asegurou que, sendo o bilingüismo un obxectivo partillado por unha amplísima maioría, o sector de poboación máis partidario del é o que se sitúa na órbita nacionalista. Vaites!
- O idioma, entre o privado e o público. 
O desafío da política é, coma noutros casos, tornar as vagas aspiracións da cidadanía, coas súas contradicións, en metas maioritariamente asumidas e alcanzables. Unha parte da dificultade da tarefa reside no carácter do idioma como fenómeno ubicuo, simultánea e indisolublemente individual e colectivo, persoal e comunitario. Na súa condición inapreixable e transfronteiriza, solidaria co carácter esvaradío da distinción entre o privado e o público, o social e o político. Sexa como for, a plural corrente defensora do galego vai recoñecendo que a normalización lingüística constitúe un proceso de aprendizaxe colectiva, e que, por tanto, ninguén pode pretender posuír de antemán as solucións. Por iso, os iluminados con receitas máxicas teñen cada vez menos predicamento. Debemos manter a capacidade de seguir aprendendo en diálogo aberto e crítico, apegados ao país real, na procura dun camiño para saír do labirinto. E se a saída final non existise, o caso é irmos facendo, paso a paso, devagar, un bo camiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario