Entre o 2 e o 13 de maio e baixo o lema “Galego: a forza do noso amor” celebraranse polo país adiante as carreiras pola lingua. Ese lema tan acaído como novoneiriano animará o Correlingua 2011 e aniñará no corazón e na memoria de case 50.000 rapaces e rapazas en representación duns 400 centros educativos. Desde hai dez anos a AS-PG, a MNL, todas as deputacións agás a de Pontevedra, entre outros os concellos de Vigo, Pontevedra, Ourense e Lugo así como a CIGenchen de ledicia xuvenil e de esperanza activa a defensa da lingua galega.
Para que a lingua teña porvir non só fan falta no parlamento políticos que lexislen na dirección correcta senón tamén mozos e mozas que vivan a lingua como parte irrenunciábel da súa identidade. Trátase de reforzar a idea de que Galiza só será sen a mutilación que significaría a renuncia ao que nos permite ser: a lingua de noso. O Correlingua non sería posíbel sen a entrega entusiasta de moitos docentes que animan e acompañan ao seu alumnado e que inoculan neles a relevancia do idioma do que algúns foron desposuídos pero a lingua como casa común dos galegos sempre espera por todos e sempre acolle a todos.
Fronte ás políticas do goberno amplamente contestadas no parlamento e na sociedade, fronte ás decisións erráticas e antigalegas da actual maioría no Hórreo, hai un país en marcha, o país do que era habitante Lois Pereiro, o país que aturou circunstancias históricas e políticas moi adversas pero que non renunciou –nunca poderá facelo– a seguir pintando as cores do arco da vella en galego.
A cultura en xeral e a defensa da lingua en particular son cousas serias pero divertidas que nos fan felices. Por iso os nosos mozos e mozas escriben, fan banda deseñada, vídeos, canción e música, dánlle ao Galeoke, ocupan as rúas en son de paz e celebran a vella lingua de noso. Eses mozos queren vivir en galego, sen prexuízos, sen ter nada en contra doutras linguas irmás. Nas súas carreiras, na súa mocidade, na súa ilusión circula o mellor de nós, a forza dun amor que peta na nosa conciencia e que, definitivamente, non pode ser inútil.
Ningún comentario:
Publicar un comentario