Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 15 de maio de 2011

Se García Sabell levantase a cabeza

por Antón Reixa, no Xornal:


é moita a información que se puxo en circulación este ano a propósito de Lois Pereiro. Se cadra, por iso, permítaseme unha breve reflexión sobre a propia efeméride e a decisión da Real Academia Galega (RAG) respecto á designación da figura protagonista das Letras Galegas 2011. Ten xustificación a certa estrañeza que a decisión puido xerar nalgúns sectores da opinión pública. En vida, a figura e a obra de Lois non foron moi divulgadas. Porén, hai malicia e reaccionarismo nas voces que declaradamente mostraron a súa hostilidade invocando o “tamaño” da obra de Pereiro. Habería que lembrarlles que algún ano foi adicado a figuras case enigmáticas como o arcebispo Lago González.
Antes de 2011, Lois obedecía paradigmaticamente ao esquema de autor de culto. A singularidade da súa obra respecto aos seus propios coetáneos ou a evidencia das dificultades que tivo en vida para atopar editorial cimentaron ese circuíto. Fronte a todo iso, o que temos agora, no cénit da celebración, é a constatación de que poucas veces as Letras Galegas tiveron tanta repercusión entre os lectores máis novos e case nunca se procedeu a unha “organización” tan acaída de edición de libros do autor e sobre o autor. Especialmente emblemáticos son feitos como as referencias a Lois e o ano nunha publicación como Rockdelux ou a proliferación de graffiti en todo o país.
Afortunadamente a RAG dispón dunha nómina importante de figuras ás que adicarlles o Día das Letras. Velaí a solidez dun sistema cultural, pero, posiblemente, ningunha tan peculiar e insólita como Lois. Non é fácil identificar a alguén que non teña vinculación ningunha coa filoloxía e o ensino ou que non obedeza ao tópico de intelectual polivalente. E iso era relevante politicamente nun ano tan complexo para a normalización do idioma. Imaxinemos o inoportuno que terían sido figuras –insignes, si– pero con perfís como os de Carballo Calero, que dedicou o último tramo da súa vida a ser especialmente crítico coa estandarización do idioma, ou filólogos como Filgueira, que, a nada que se afondase na súa biografía, abroiarían as súas simpatías franquistas ou a súa responsabilidade en que a celulosa se instalase na ría de Pontevedra.
Lois foi radicalmente un artista que abordou coa maior naturalidade o feito de asumir o galego como lingua literaria en coherencia coa súa vida cotiá e coa súa modernidade. E foi artista e poeta ata nos seus escritos ensaísticos de maior compromiso ético e civil, coa particularidade de non ubicarse nos ámbitos ideolóxicos habituais no galeguismo cultural.
Quédanme os hipercríticos que invocan saturación e inflación sobre a figura e a obra de Lois pereiro. Malo sería que a mercadotecnia dunha efeméride así non tivese esa consecuencia que non deixa de ser parella a que o mínimo coñecemento da poesía de Lois produce unha síndrome de abstinencia que che fai desexar máis e máis.
Debemos valorar aquilo no que efectivamente avanzamos, a pesar desta depresión que asolaga a vida social e cultural de Galicia. Por iso, se Garcia Sabell –presidente da RAG no seu momento e que, aínda que algo bo teria don Domingo, representou a faciana máis rancia da institución– levantase a cabeza escandalizaríase desta Academia presidida por Ferrín, que lle planta recursos á Xunta de Feijóo e que lle dedica as Letras Galega a un punkie sensible e ilustrado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario