Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 4 de maio de 2011

Analfabetos vocacionais

por Pilar García Negro, no Xornal, cun artigo co mesmo contido da súa intervención no acto de Queremos Galego do pasado 30 de abril baixo o lema: "O galego é a chave coa que abrimos o mundo".


Ben sei que as clasificacións convencionais informan de analfabetos absolutos e analfabetos funcionais. Eu adoito engadir a estas dúas a dos analfabetos vocacionais, especie que abunda moito máis do desexado e que ten moito pior solución que a das primeiras citadas. Unha boa escolarización e unha redución drástica da dieta televisiva-internáutica, substituída pola correspondente dose de leitura, fan milagres na curación daquelas carencias, mais, como digo, o analfabetismo vocacional é duro de roer, porque, tantas veces, está vinculado a un sectarismo político-racista de non doada disolución, sobre todo cando serve a intereses de negación de longo percurso na historia.
Aclaro axiña a conto de que enredo con estas disquisicións. Desde hai unhas semanas, todos os días, ao baixar do meu lugar de traballo, vexo un enorme retrato sorrinte de Julia Otero que me-nos di: “coge el desvío de la grela y llegas”, así, tal cal, en minúsculas, conforme ordena a tiranía tipográfica vixente. Un e outro día leo, velis nolis, a mensaxe que me ordena dirixirme ao novo centro comercial Marineda City.
Como xa me vou fartando desta nova descomunal agresión ao pequeno e mediano comercio coruñés –de tan amplo e rico historial– e como, igualmente, indígnome por enésima vez ante a exclusión total(itaria) da lingua galega nas mensaxes publicitarias deste monstro comercial, perpetro agora e aquí a miña vinga particular, coas únicas armas que me foron dadas e coas únicas que quero e podo utilizar, as miñas palabras.
Vexamos. O lugar en que Marineda City (híbrido galego/español – inglés) está situado é Agrela, nome que significa agra pequena. Ter que aturar, en pleno século XXI, “La Grela” ou “A Grela” ou “Grela”, francamente, non o merecemos, por moitos e pesados que sexan os pecados cometidos. Mais dáse a circunstancia de que “grela” é un dos nomes do galego popular utilizados para designar eufemisticamente o clítoris.
Lean agora, por favor, a mensaxe que asocian ao rosto da locutora e xornalista, engádanlle a significación de “coger” no español arxentino, por exemplo, e a frase fica verdadeiramente exemplar, non sabemos se como erótica, pornográfica ou animante a non se sabe que procura de novas zonas eróxenas.
A isto conduce a histeria na ferreña exclusión da lingua galega e o irrespeito total á lingua propria do país que aumentará o lucro das firmas instaladas no tal centro comercial até que (Deus o queira!) os visitantes-compradores se farten de botaren horas no auto en caravana de quilómetros e decidan, sensatamente, volver mercar na tenda da esquina. Item máis: ¿a quen se lle puido ocorrer a paiolada de “Cantones Village”? Por imitaren o Amo Universal, ¿pensan que van conseguir máis clientela? ¿Quen autoriza a substituír, por exemplo, Lamastelle, lugar de Oleiros, por “Rúa Manzaneda”? ¿De que poder divino se sentiu investido o Concello da Coruña, nos tempos en que presidido polo embaixador cesante do Vaticano, para eliminar a toponimia de Elviña-A Zapateira e mudala por nomes de capitais europeas?
¿Cómo é que Galicia Bilingüe non protesta airadamente, en nome do bilingüismo que predica, pola exclusión premeditada do galego que practica a área comercial mencionada? Por certo, o blogue da súa presidenta é público e, tal e como informou este xornal, nel a fotografía dun rabaño de ovellas suxérelle o público escolar que anima o correlingua. Se a min se me ocorrese comparala a ela coa cabra da Legión, incorrería en manifesta ultraxe á súa persoa. Nós, os galego-practicantes, seica podemos con todo, incluído o imaxinario animal resignado e conducido polo can pastor. Aínda ben: eu, desde logo, prefiro ser pacífica ovella que cabra-mascota de machistas e violentos militares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario