Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 15 de maio de 2011

Máis ca nunca, amado na terra

por Roberto Varela, Conselleiro de Cultura, no Xornal:


Coñecín a Lois Pereiro en Santiago a principios da década de 1980. Daquela, xa se albiscaba nel o carisma de quen se movía coma ninguén no subsolo da literatura, lonxe dos circuítos académicos e comerciais. Unha xeración, a miña, comezaba a oír falar daquel poeta de Monforte. Percibiamos entón que os seus versos nos falaban directamente a nós, que compartiamos inquedanzas e referentes, que escoitabamos a mesma música, dende a Velvet e Bowie ata Joy Division –o seu “Atrocity Exhibition” deu orixe a un dos máis coñecidos poemas de Pereiro–. Eramos todos membros da primeira fornada da democracia e gozabamos dunha liberdade que nos reconfortaba e que daba pulo á creatividade. Tamén foron anos de excesos, e moitos asomáronse ao abismo e non puideron volver. “This is the way, step inside”.
A morte, e a súa indisociable dualidade coa vida, entendida esta como liberdade plena para sermos nós mesmos, foi quizais o eixe do pensamento e da práctica daquela xeración. Foino seguro para Lois Pereiro, que fixo seu aquel poema de Paul Éluard titulado “La mort, l’amour, la vie”. Eivado no físico dende moi novo polas enfermidades, a morte pasea omnipresente pola súa obra, mais é unha morte da que xorde a vida, da que nace un feroz devezo de amar e de vivir para facer fronte á “batalla que xa sei perdida”. Os versos de Poesía última de amor e enfermidade, o segundo e derradeiro libro que Pereiro publicou en vida, falan desa loita con descarnada e ferin­te honradez. Canta honradez!
A vida e a morte sempre están aí, xunto ao amor e a poesía. Lois Pereiro entregou a vida a dar forma aos seus versos tendo ao seu lado a certeza de que eran verdade e aplicando dalgún xeito o que dicía Raymond Carver. Que modo de vivir era este? Un modo de vivir onde un home está tan ocupado que nin sequera pode ler poemas? Iso non é vivir. Por iso aquel poeta punk e postpunk, ultramoderno, vangardista, adiantado á súa época, superou calquera tipo de etiqueta: porque foi capaz de vivir pola literatura e para ela, sen reparar en límites, modas e convencións. Porque todo en Lois Pereiro foi unha forma de vivir a arte. Pero tamén foi o caso que a Lois Pereiro, como lles pasa a tantos grandes das artes, lúcido observador desas cousas que non se poden describir, viu a súas glorias escamoteadas ao tempo de vivir.
A Real Academia Galega decidiu apostar por Lois Pereiro para o Día das Letras Galegas do ano 2011. Penso que foi un gran acerto que amosa de cheo a vitalidade da literatura do noso país. A obra de Lois Pereiro contaxia modernidade e convértese nun espello para todos os nosos creadores actuais. A celebración deste 17 de maio contribuirá a botar luz sobre a figura do gran poeta underground galego, aínda non suficientemente divulgada, mais sen traizoar nunca o espírito daquel dandi eterno que eu coñecín nun café das Galerías Viacambre de Santiago de Compostelahai moitos anos.
Entón criamos que os seus versos se dirixían só a nós. Hoxe sei que a poesía de Lois Pereiro fala das coitas e ledicias, dos medos e das emocións de calquera ser humano, de segredos eternos. Hoxe sei de certo que Lois alcanzou o seu obxectivo: “Somentes / intentaba conseguir / deixar na terra / algo de min que me sobrevivise”. Hoxe Lois, como desexaba, como Carver, outra vez Carver, pode sentirse, máis ca nunca, amado na terra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario