A conversa que mantivo en febreiro unha coruñesa, de nome Marta, con outra rapaza mallorquina no programa de lixo sociolóxico Gran hermano -Marta dicía que lle daba "bajón" cando un bo mozo lle falaba en galego- foi a exposición de autoodio galego máis clara aparecida nos últimos anos nun medio televisivo de ámbito estatal.
Non pasaron nin dúas semanas antes de que o asunto ficase gardado no baúl dos recordos, despois de que o poder mediático reducise a cuestión a unha conduta invividual. Mais lonxe de ser unha conduta illada, a minusvaloración psicolóxica que acompañaba a esta concursante dereality shows maniféstase diariamente na vida real de todos os galegos e galegas. A diglosia é soamente unha parte deste fenómeno, presente en todas as civilizacións minorizadas por un proceso colonizador, xa sexa este un proceso económico, cultural, lingüístico ou unha agrupación de todos eles.
A isto engádeselle un segundo fenómeno de negación, no que a maior parte da poboación e os seus representantes, de diferentes signos políticos -incluíndo certos sectores nacionalistas- prefiren afastarse da palabra autoodio e abrazar outras concepcións, din que máis modernas, e desde logo politicamente máis correctas, como o concepto ideal do bilingüismo cordial.
Constátase a desgana política e social de atallar este problema, a pesar da súa urxencia, reflectida na colonización lingüística das cidades galegas -auténticos dinamizadores sociais, culturais e económicos dun país-, só superábel a través dun proceso similar inverso ao que provocou a castelanización. Porén, só unha pequena parte da nosa sociedade se manifesta a favor desa inmersión lingüística en galego.
Por encima de políticas lingüísticas equivocadas, o autoodio é, pois, a principal barreira ao proceso de normalización lingüístico. De feito, as políticas galegofóbicas son soamente unha consecuencia máis dese autoodio, igual que a falta de reflexión dos votantes que as apoian para comprender que un país galego en galego ten moitas máis posibilidades de superar o seu conflito identitario que un país galego en castelán e, seica, superar tamén o principal escollo para o desenvolvemento dunha economía que, como Marta, está "de bajón"..
Ningún comentario:
Publicar un comentario