Un ano máis, celebramos a festa das nosas letras. Un día de homenaxe, de recordo para aqueles que fixeron da nosa lingua o vehículo de expresión da súa capacidade creativa, do seu talento para o engrandecemento da nosa cultura. Talento e capacidade creativa fan, sen dúbida, de Lois Pereiro merecedor deste singular recoñecemento no presente ano.
Pero xunto á celebración, homenaxe e recoñecemento, hoxe ten que ser tamén, para todas as galegas e os galegos, un día de compromiso co noso idioma propio, co seu coñecemento e co seu uso normal e cotiá en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, tal e como manda o Estatuto de Autonomía.
No Nadal de 1990, meses despois da súa toma de posesión, o Presidente da Xunta Manuel Fragaafirmaba: “Temos que procurar por todos os medios –uso oficial, exemplaridade, escola, medios de comunicación social– que as galegas e os galegos coñezan e dominen a súa propia lingua, que a usen sen complexos, sen ánimo de confrontación, senón de autoidentificación e de propia realización; con afán de creación diaria, poñéndoa ao día e dándolle dimensión urbana e de chancelería”.
Máis de vinte anos despois, as palabras do entón presidente da Xunta de Galicia seguen tendo plena vixencia. A nosa lingua sigue precisando o apoio e promoción institucional que garanta a todas as galegas e os galegos o seu coñecemento, falado e escrito, coa mesma soltura que o castelán, posibilitando así a normalización do seu uso como pretende a Lei do ano 1983 e o Plan Xeral de 2004.
Pero, sobre todo, sigue necesitando o recoñecemento, o compromiso e o amor de todos nós para continuar sendo o faro fundamental que alumee o noso patrimonio cultural en España e no mundo con vocación de futuro, transformando o que moitos consideran un risco, a globalización, nunha auténtica oportunidade.
Só dende o convencemento de que a promoción e a normalización do uso da nosa lingua é tarefa de todos, aseguraremos a súa supervivencia, o seu prestixio e adaptación aos novos tempos. Unha lingua útil, que nos facilite a relación coa lusofonía e nos de unha visión propia do mundo, o mesmo nivel que o castelán e o inglés. Velaí o reto común de todos nós
Ningún comentario:
Publicar un comentario