Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 15 de maio de 2011

Empoderármonos

Éste é o texto gañador do VII Premio de Artigos Xornalísticos do Concello de Carballo, por Marcos Abalde, no Xornal e en Galicia Hoxe:


Galiza continúa a ter unha escasa autoestima lingüística e cultural. O noso imaxinario aínda está colonizado por unha autopercepción negativa que é común a todos os grupos subalternos. Este mecanismo de control humilla, reclúe e paraliza. A xerarquía non é cuestionada, polo contrario, naturalízase. Neste sentido, a pensadora feminista, Marcela Lagarde, afirma que a timidez das mulleres é resultado de "non ter sido autorizadas, de ter sido excluídas, danadas e que toda a vida nos calaron, nos impediron falar, nos dixeron que non sabiamos e que non podiamos".
Este enmudecemento, que sofren as mulleres, posúe uns paralelismos abraiantes a respecto da situación da lingua. Galiza enmudece: cada día o castelán é máis castelán e o galego tamén é máis castelán, ou sexa, máis converxente, máis deturpado, máis invisíbel. Como se explica que as persoas que estudaron galego empreguen á mantenta un idioma profundamente castelanizado? Cal é o medo? Por que hai que dicir ghuevo, calle ou falda? Quen non entende ovo, rúa ou saia?
A nosa relación co galego está infantilizada. Facémolo vulnerábel, dependente, ágrafo. Até desprezamos a súa proxección internacional. Como non nos vai faltar seguranza? Por iso a hibridación progresa. Reproduce a mesma lóxica que a da pasaxe do galego para o castelán. Por educación, seica, hai que falar castelán coas persoas descoñecidas, coas crianzas ou con calquera que fale nesta lingua. Realmente sería máis preciso dicir "por falta de educación" porque, se mudarmos de lingua ou se a rebaixarmos, somos nós quen estamos a arrebatar unha oportunidade de aprendizaxe e, por tanto, de empoderamento. Xa chega de colaborar coa segregación!
É visibilizándonos como asumimos lexitimidade, contaxiamos orgullo, ultrapasamos limitacións, abrimos camiño, somos as protagonistas da historia, non as vítimas. Aprema superarmos tanta timidez, tanta vergoña, tanta (auto)censura, tomarmos consciencia e acabarmos co enmudecemento. Neste proceso de emancipación, acho que o empoderamento debe adquirir un lugar central. O empoderamento non é un presente, é unha conquista da liberdade, da voz propia, da capacidade de decisión. Estimúlase, partíllase e susténtase de maneira colectiva, porque a identidade non se reduce a unha esencia pasada, é sobre todo un futuro por construír. Este fortalecemento da subxectividade implica a eliminación das relacións de dominio, a extensión da cidadanía a toda a comunidade, a apropiación de recursos, dereitos e poderes que melloren a nosa vida. "Apropiación" porque nós aínda sufrimos a maior expropiación da historia deste país, a da nosa lingua, que se acelerou nas últimas décadas e deita as súas raíces nunha exclusión lingüística, cultural e política secular.
Penso en Paulo Freire e na súa Pedagogia do oprimido: "Ninguém liberta ninguém. Ninguém se liberta sozinho. Mulheres e homens libertam-se em comunhão". Primeiro, conscientização: é fundamental desmontarmos en cada unha de nós o racismo lingüístico, o supremacismo castelán, o complexo de inferioridade. Despois, libertação: co recoñecemento das devanceiras, cunha ética da autoestima e apropiándonos dunha lingua de calidade. Disto depende a saúde comunitaria: querermos máis e mellor galego. Debémonos empoderar para superarmos tanto estigma e recuperarmos todos os espazos usurpados tanto persoais como políticos. Temos poder! Fagamos sentir a nosa voz! Poñámonos en pé de igualdade!

Ningún comentario:

Publicar un comentario