por Silvana Castro García, en Terra e Tempo:
A Galipedia explica a fusión nuclear como "un proceso físico durante o que se xuntan dous ou máis átomos e forman outro átomo de maior número atómico. A fusión nuclear só acontece a temperaturas de varios millóns de graos e vai seguida dunha enorme liberación de enerxía".
Non se asusten se lles digo que mañá mesmo, Día das Letras Galegas, terá lugar unha fusión nuclear organizada pola Plataforma Queremos Galego que liberará enerxía por Galiza enteira e por varias cidades alén da nosa Terra.
Son en total preto dun cento de lugares onde persoa a persoa, como se de átomos se tratar, poñan o seu gran de area nesa construción dun átomo de maior número atómico que abranga cada vez máis defensores da nosa lingua e da nosa cultura nacional.
Esta mobilización expansiva leva por nome "Paremos os ataques contra o galego!" e faise nun contexto de campaña para as eleccións municipais onde debemos reflexionar que modelo de concello queremos para criar os nosos fillos e fillas, para estudar, para traballar, para gozar do tempo libre etc. Mais tamén debemos pensar moito que modelo de concello queremos para situarmos a nosa lingua nun contexto de normalidade.
A Coruña, A Estrada, A Guarda, Allariz, Ares, Arteixo, As Pontes, Barcelona, Barreiros, Belfast, Boiro, Bruxelas, Cambados, Cambre, Carballo, Carral, Cedeira.... e un longo etcétera de vilas e cidades, sentirán esa enerxía liberada e tentarán agregar máis átomos a esta voráxine de actos públicos a favor da lingua galega.
Trátase dun acto simbólico, posto que en plena campaña electoral non se permite efectuar a xa tradicional e multitudinaria manifestación do Día das Letras a que nos tiñan acostumados A Mesa pola Normalización Lingüística e posteriormente a Plataforma Queremos Galego. Servirá, ademais de para exixir ás autoridades locais e nacionais o uso e a promoción da lingua galega nos concellos, para reivindicar o "Ano Castelao" cando se cumpren 125 anos do seu nacemento.
Deste xeito, ademais de poemas do autor homenaxeado este ano pola Real Academia Galega, Lois Pereiro, leranse tamén textos de Castelao que teñen que ver coa lingua galega, e que desgraciadamente, aínda están de plena actualidade a pesar de seren da primeira metade do século XX.
En definitiva, serán actos cargados de simbolismo e de paixón pola lingua, onde a sociedade demostrará, persoa a persoa, e máis unha vez, a súa querenza polos nosos símbolos identitarios.
E agora volvamos ao comezo e releamos a definición que de fusión nuclear dan na Galipedia: "só acontece a temperaturas de varios millóns de graos e vai seguida dunha enorme liberación de enerxía".
Recordemos isto cada vez que unha persoa ataque a nosa lingua: non lle deamos tregua, defendámonos usándoa e esixindo que se use cando nos corresponda este dereito, con boas formas, pero coa mesma elevada temperatura coa que se fusionan os átomos. Só deste xeito lograremos unha liberación enerxética capaz de producir a onda expansiva necesaria para acadar o noso obxectivo.
Este martes é o ensaio xeral, mais cómpre lembrar que para que a fusión nuclear teña éxito as persoas que amamos as Letras Galegas debemos celebralas todos e cada un dos días do ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario