por An Alfaya, n´A Nosa Terra:
Alborozo para unha vida escrita en verso libre, esculpindo paso a paso o poemario dos berros e dos silencios en prosa que nos fixeron cómplices dun tempo que xa non volve, agás no eido dos soños da mocidade perdida.
Ti, que tan pouco escribiches e tanto dixeches, creando un universo, subliñando o mundo que te maltratou e agora te ergue, neste mes de maio agromas coa forza da semente nova para brillar un ano enteiro con luz propia na escuridade dos campos ermos, sedentos de voz maiúscula; corpo minúsculo que nos fala desde a terra como só falan os vivos eternos.
Gardo no peto a túa mellor estampa, unha flor seca que aínda conserva o recendo duns anos de promesas, alí, a carón da poesía última de amor e enfermidade, presa nas redes das túas palabras poderosas, que arrincan a carne do óso e nos deixan o teu esqueleto, a túa caveira sagrada á intemperie das emocións máis soterradas.
Quedo coas luces e sombras de amores resucitados, porque conxugas os verbos vivir e amar en harmonía, en primeira persona do plural e en presente, e porque dous substantivos exercen o misterioso poder da atracción como imáns da existencia: “paixón” e “esperanza”, anulando aqueloutro que te acompañou na túa curta, mais intensa, vida: “fatalidade”.
E quedo tamén co teu epitafio poético, pero non para cuspirte enriba do lugar onde repousas, senón para bicarte coas mans e acariñarte cos ollos, recollendo a túa húmida mensaxe de vida e de furia necesaria, para combater o tedio e non sucumbir á derrota dos vencidos, para non claudicar, para resistir, para resucitarte cada ano a través do teu verbo imperecedeiro, Lois Pereiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario