Como presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos diríxome a vostede para comunicarlle a nosa fonda preocupación pola situación da cultura e da lingua galegas e, sobre todo, pola política da Xunta de Galicia nestes ámbitos.
Vimos observando que, desde a súa chegada á presidencia da Xunta de Galicia, as accións políticas do goberno galego no referente á lingua están dirixidas a desmontar as medidas normalizadoras que permitiran importantes avances, particularmente na función pública e no ensino non universitario. Con esas medidas esnaquiza o consenso social, democrático e colectivo que se materializara na Lei de Normalización Lingüística e no Plan Xeral de Normalización, e promove a división e a confrontación social no tocante á lingua galega, no canto de promover o avance e o desenvolvemento da lingua nacional de Galicia.
Agora, nun novo paso, están a ameazar a Lei de Normalización Lingüística que se refire á toponimia. Por outra parte, non se realizaron accións visibles de apoio e promoción da lingua e da cultura galegas. E o que aínda nos parece máis grave é que estas medidas vaian acompañadas de mensaxes que transmiten a idea de que o galego non é nin necesario nin útil e que volven a actualizar os prexuízos contra a lingua de Galicia, que a estas alturas xa deberían estar desterrados. Para os membros desta Asociación, sobre todo para moitos de nós que levamos moitos anos traballando pola cultura e pola lingua galega en Universidades de alto prestixio de todo o mundo, resulta desolador ver como desde a Xunta de Galicia se está a desvalorizar e a menoscabar o prestixio da cultura e da lingua galegas, facendo seguimento de grupos minoritarios que, cunha visión acomplexada e provinciana, tratan de negar calquera valor á lingua e á cultura propias de Galicia.
Como Asociación que conta con profesores e profesionais de diferentes países de todo o mundo, sabemos ben que a cultura e a lingua galegas teñen un enorme potencial de futuro, que a medio prazo se pode converter nunha realidade traducible en presenza internacional, en turismo e en intercambios científicos e culturais de todo tipo. Unha aposta estratéxica por apoiar a cultura e a lingua galegas, sen prexuízos provincianos, podería converter en realidade esa posibilidade. Ese é xustamente o camiño contrario: apoio, promoción, dar a coñecer e transmitir orgullo e confianza en Galicia. O galego é a lingua da historia de Galicia, pero sobre todo debe e pode ser a lingua do futuro tanto en termos comerciais coma filosóficos.
Sería unha gravísima irresponsabilidade que este goberno, e vostede como o seu presidente, fanase estas posibilidades e lles negase o futuro ás xeracións de mozos e mozas galegos do século XXI e de dispor do seu máis íntimo e valorado patrimonio cultural e lingüístico. Por todo isto, propoñémoslle que inicie unha política cultural e lingüística ambiciosa, moderna e innovadora, que proxecte a cultura e a lingua galegas no mundo, que faga visible Galicia como comunidade e como cultura. Para iso asegurámoslle que poderá contar co apoio e coa colaboración desta Asociación, presente en centros de educación superior e de investigación de catro continentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario