Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 9 de maio de 2011

Trigonometría lingüística

Recollo este retallo dunha obra de Darío Xohán Cabana logo de velo postado no blogue Aula de Lingua e no que se trata o tópico do continuo dialectal.

Conversaron un pouco de cousas intrascendentes. O señor escoitaba entre atento e abstraído as xeneralidades que os seus convidados lle dicían.
-E é a primeira vez que veñen a Santiago, ou?
-Este meu compañeiro si, eu xa viñen outras dúas, pero hai moito tempo, e olvideime dos sitios.
-Home, moito non haberá, que vosté é ben novo aínda. Máis de quince anos non se lle botan.
Crisóstomo quitou a pata como puido.
-Ah, si, é que eu era moi pequeno daquela. Eso é o que quero dicir, que non me acordo porque era moi pequeno, non que o esquecese. E vostede é de aquí?
-Non, eu son de San Martín de Suarna. Dígolle o nome do sitio, anque é moi pequeno, porque vosté ben debe saber del, un pouco máis abaxo da Fonsagrada. Ben lle coñezo na fala que non é de lonxe de alí. O que non lle dou sabido é a parroquia. Debeu viaxar aínda ben, pra ser así novo, que mestura xeitos de falar dus sitios e doutros.
-E logo coñece de onde é a xente en como fala?
Home, claro, neso non hai mérito ningún. A fala vai variando un pouco dus sitios a outros. É cuestión de estudialo e trazar unhas isoglosas no mapa, e xa tá. O que non dou sabido é de onde vén o seu amigo, nin por aproximación. E estráñame moito, que eu deso aínda lles sei ben. É que tamén falou pouco… Se ficera algo máis de gasto na conversa, ó mellor daba…
Fortunato levantouse.
-É que nos temos que ir xa. Señor, moi agracecidos por deixarnos sentar… A ver, compañeiro, paga e vamos.
-Non, non paguen, que os quero convidar eu… Que teñan unha boa viaxe. E de que sitio será este rapaz? Ser é do Leste… A ver, dixo… Pronunciaba ese ele velarizado, tan raro…
Fortunato e Crisóstomo xa camiñaban pola Virxe da Cerca adiante, Fortunato poñía présa.
-Haiche que andar con ben coidado. Falo un pouco máis, e coma quen non quere a cousa, vai el e sácame a situación de Trasmundi por trigonometría lingüística.
Darío Xohán Cabana, Fortunato de Trasmundi, Xerais, 1996

Ningún comentario:

Publicar un comentario