Roteiros literarios, romarías, concertos, recitais, pezas teatrais, concentracións, actos cívicos, exposicións, charlas-coloquio, relatorios, documentais, presentación de libros, festivais musicais e poéticos, maratóns de lectura, programas especiais, performance, espectáculos multiartísticos, carteis, manifestos, homenaxes... mañás, tardes e noites con Lois Pereiro.
Milleiros de actos. Unha gran movida en toda Galicia: Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, A Coruña, Vigo, Ferrol, Vilagarcía, Cerceda, o Barbanza e... en Monforte, e... en todo o mundo: Madrid, Barcelona, nos centros Cervantes de Toquio e Istambul... Na torre máis alta de Oxford, organizado polo Centro de Estudos Galegos, leuse un manifesto. ¡Que movida!
Lois Pereiro, da xeración dos anos 80, move, provoca como protagonista das Letras Galegas de 2011 unha nova movida de creatividade. Lois impulsa unha nova vaga de enerxía creadora, de vitalidade, para revivirmos a súa poesía e a súa vida. Todo o mundo lánzase a coñecelo, a seguir os seus pasos, as súas palabras, os seus versos, a lelo. En certa maneira, a dedicación das Letras Galegas a Lois Pereiro é xa unha iniciativa rompedora na engranaxe cultural galega.
Existe un anceio colectivo de oír e de transmitir a súa voz cosmopolita e descarnada "porque era un rapaz avanzado para o seu tempo". Talvez, por iso, pola súa voz irrepetible; porque nos move e nos conmove a súa cultura, a súa poesía de amor e de enfermidade ou porque compartimos a mesma utopía de compaxinar o desexo e a necesidade dos nosos soños.
Lois produce ese efecto na sociedade actual e conecta coas novas xeracións coa mesma forza que nos enganchou aquel fenómeno xeracional e urbano que se expresou nos anos 80, concibido como unha realidade cultural e sociolóxica distinta, vital e existencial e da que gozamos, naquela época de transformación social, económica, política e administrativa, na que Galicia se recoñecía como nacionalidade histórica nunha das etapas máis significativas e máis intensas da nosa sociedade e da nosa vida.
Lois produce o mesmo efecto que nos producía Lou Reed ao escoitarmos as súas cancións a tope no tocata e as súas letras. O mesmo efecto que a el e a nós nos producían bandas como Sex Pistols ou Killing Joke. Hai mesmo un certo paralelismo entre Lou e Lois que nos fai flipar. A obra e a vida de Lois zumega toda esta movida que o movía a escribir como escribía, con todas esas influencias que marcan o seu destino de ser poeta, de gozar do privilexio de poder ser el mesmo e outro, como dicía Baudelaire. De dicir que o suicidio non é máis ca un mónologo interior ou de inventar a pel a partir dun aceno ou de crear un poema como Atrocity exhibition.
Por iso, como expresei o día 16 nun acto na Quintana, na celebración das Letras Galegas, organizado polos centros concertados de Santiago, Lois chega a todos e todos, con estes actos e con todas as palabras húmidas que saen das nosas bocas, queremos enviarlle desde calquera lugar no que nos atopemos unha mensaxe de vida e de furia necesaria á súa tumba..
Ningún comentario:
Publicar un comentario