por Manuel Núñez Singala, n´A Nosa Terra:
Sempre pensei que un dos aspectos que contribúen a facer grande esta vella Europa na que vivimos é o feito de estar constituída por un mosaico de países, de pobos, de culturas, de linguas... Europa é diferente (non sei se mellor ou peor, pero diferente) dos Estados Unidos, polo menos no que respecta á pluralidade lingüística e cultural. E creo que se trata dunha diferenza que aos europeos nos conviría non só preservar, senón tamén potenciar como unha riqueza inestimable e, polo que parece, cada vez máis fráxil.
Vén isto a conto porque no pasado Festival de Eurovisión sorprendeume comprobar que a maior parte dos participantes empregaron unha única lingua para as súas cancións: o inglés. Tanto os alemáns como os rusos, os suecos ou islandeses, mesmo os italianos ou os bielorrusos, gregos ou romaneses... ata os gañadores da República de Acerbaixán triunfaron cunha canción en inglés. De feito, se non me engano, dos 25 países finalistas só Lituania, Serbia e Francia (cunha canción en corso) ademais de España, co agradecemento final de Lucía Pérez en galego, foron quen de lle facer fronte á presión do inglés.
Trátase dun indicio máis que sinala cara a unha sociedade plana, uniformada, pouco diversa, cunha lingua única e polo tanto tamén cun pensamento único, que me parece moi preocupante. Se as cousas seguen así xa non serán só as linguas chamadas minoritarias, senón axiña tamén as europeas máis faladas, como o alemán, o francés ou o español, as que comecen a sentir unha asfixia que, curiosamente, pode acabar resultando similar á que durante moitos anos elas mesmas provocaron
Ningún comentario:
Publicar un comentario