Pasado. O 26 de xuño de 2010, 23 persoas decidiron que este ano sería o ano de Lois Pereiro. Reuníronse na rúa Tabernas e convertéronse, seguramente sen prevelo, no motor de todo o que viría despois. Poucos, case ninguén, apostaba porque a Real Academia Galega escollese a Lois Pereiro. En tal decisión, seguramente tivo moito que ver Manuel Rivas. Hai quen di que el foi o cómplice necesario para que o autor de Poesía última de amor e enfermidade se impuxese aos posibles Carvalho Calero, Filgueira Valverde ou Antonio Fernández Morales. Ese 26 de xuño comezou un vento que ía soprar con forza ao longo dos seguintes meses.
Presente. Recitais, concertos, pasarrúas, homenaxes populares, graffiti, espectáculos teatrais... Todas esas iniciativas foron espallándose por Galicia nos últimos meses. O Día das Letras Galegas de 2011 apropiouse de todo o calendario. Non quedou unicamente no tradicional 17 de maio festivo e murcho, con moita carga institucional e pouco ruído cultural. O 2011 é diferente a todos os demais e a personaxe de Pereiro deu pé a que, ademais dos numerosos títulos editoriais sobre o autor do Día das Letras, se reproducisen eventos máis aló dos centros educativos. As salas de concertos, os teatros e as rúas celebraron as letras do país.
Futuro. En poucas semanas, a Academia terá que volver decidir un nome. Será unha decisión complexa, seguramente a máis complexa dos últimos anos porque Pereiro foi un furacán. Tamén será difícil que se poida conseguir un autor que acade a relevancia pública que conseguiu Lois. Resulta case imposible imaxinar un pasarrúas celebrando a Calero ou un concerto por Filgueira Valverde. Agora que? O Vento Lois quedará sen herdeiro? A forza das letras deste ano disolverase? A resposta a todas elas, moi probablemente, sexa un si. Non obstante, queda un quizais. Quizais os ventos, como a enerxía, nunca se destrúan. Quizais se transformen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario