Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 22 de maio de 2011

Avaliación diagnóstica contra o Correlingua

Durante a primeira metade do mes de maio celebráronse os actos do Correlingua que mobilizaron a un total de 45.000 rapaces arredor do orgullo pola nosa lingua común, o orgullo polo galego. Para conseguilo moitas persoas tiveron que realizar un enorme traballo de organización, moitos profesores tiveron que buscar recursos onde non os había, con máis problemas que nunca pois ao ser esta unha iniciativa que tiña como obxectivo principal destacar a importancia da lingua como o mellor vehículo de expresión da nosa identidade, non era do gusto do clan de Anxo Lorenzo. Mais a organización do Correlingua volveu a ser outro éxito da normalización.
Pola contra a Consellería de Educación atacou no sentido contrario e quixo facer ver aos estudantes que o galego non é a lingua de referencia da Xunta ao presentarlle unha proba de matemáticas exclusivamente en castelán aos 45.000 rapaces que tiveron que realizar as actividades para a avaliación diagnóstica deste ano. Outra nova iniciativa do gabinete dirixido por Jesús Vázquez en contra da nosa lingua.
Alén disto, a CIG-Ensino vén de denunciar que a proba de competencia lingüística en castelán era dunha dificultade moito maior que a presentada en galego. Ente outras cousas, o sindicato explica como as cuestións  que debían responder os escolares na proba en castelán, non son acaídas para seren resoltas por un alumnado de 12/13 anos,  polo que cabe aventurar que, a priori,  os resultados desta proba serán peores que os propostos para avaliación en galego. Disto dedúcese que non terá sentido realizar análises comparativas ente as competencias nestas dúas linguas. E un xa está ventando como este tipo de análises van ser unha nova arma de ataque contra o galego. Outra vez llo teremos que agradecer á Consellería de Educación que, como vemos, fai todo canto pode para reducir e desprestixiar o uso do galego en contra, non xa do espíritu co que están conformados os organismos democráticos cos que nos dotamos para gobernármonos, senón que non lle importa actuar incluso en contra da letra da lexislación vixente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario