Miguel Rodríguez Fernández entrevista para O Cartafol a María Crespo, estudante da Escola de Formación do Profesorado de Lugo, quen vén de ser a gañadora do premio á Calidade e Excelencia Lingüística cun traballo sobre mediadas tradicionais en Vilalba:
Gañaches o premio por un traballo sobre as unidades tradicionais de medida en Vilalba. Requiriría dun traballo de documentación intenso…
Pois si, porque as fontes non eran as habituais: non puiden botar man de Internet ou de libros, porque non hai moita bibliografía sobre o tema. Máis ben tiven que preguntar ás fontes directas que sabían do tema e elas non só me daban información senón que tamén me fornecían o nome doutras persoas que me poderían informar. Foi un traballo de investigación que requiriu esforzo.
Cal cres que foi a clave para gañares este premio?
Pois realmente non o sei. Cinguinme ás bases do concurso por completo, empreguei un galego normativo, intentei empregar unha redacción o máis amena posible e tampouco era un traballo moi extenso, xa que o mínimo eran 10 páxinas e eu fíxeno de 20.
Que cres que habería que facer para dar a coñecer mellor aos estudantes iniciativas coma os Premios á calidade?
Eu souben deles ao ver un cartaz informativo dos premios. Logo comenteillo á profesora da materia para a cal facía o traballo e animoume a participar. Ademais de con carteis informativos e folletos, cómpre sobre todo que os profesores e profesoras o anuncien e inviten a participar aos alumnos.
Cres que socialmente se considera que un traballo en galego ten menos prestixio que un traballo en castelán ou inglés?
Hai xente que opina que o galego non vale para todo e que é un idioma que debe quedar cinguido a usos máis populares ou menos importantes; iso vémolo no día a día, cando hai xente galegofalante que cambia de idioma dependendo do contexto. Hai que valorar o noso, respectando o de fóra, pero a nosa lingua vale para todo, dende as matemáticas á literatura ou á investigación, e non temos por que cambiala.
Na Universidade a porcentaxe de galego nas aulas aínda é algo reducida en comparación co castelán. A que cres que se debe?
Eu creo que principalmente a unha falta de conciencia por parte dos docentes; coñezo casos de profesores que no seu ámbito privado falan galego e de cara aos alumnos cambian ao castelán. Teñen unha serie de prexuízos e fáltalles concienciarse con esta cuestión. Se non o defenden eles dende as aulas, que son profesores galegos, ninguén o vai facer.
Ademais deste tipo de incentivos, como os Premios á Calidade e á Excelencia Lingüística, que outras medidas cres que se poderían levar a cabo para aumentar os usos do galego?
É unha pregunta complicada. Habería miles de medidas para levar a cabo porque aínda queda moito por facer. De todos os xeitos creo que hai que centrar a actuación nos docentes, xa que eles son os que se dirixen a grandes grupos de estudantes, mellorando os incentivos para que empreguen máis o galego nas aulas; creo que é a clave.
Como estudante sentiches algunha vez que tiñas que facer un esforzo a maiores para poder recibir unha formación en galego?
Por sorte, no centro en que estudo a meirande parte dos profesores imparten a súa docencia en galego. Pero, evidentemente, quen reciba todos os apuntamentos en castelán vai ter que facer un esforzo a maiores para asimilar a materia no noso idioma.
Estudas para ser profesora de educación primaria e vas ter que traballar cunhas novas xeracións que, segundo as estatísticas, falan menos galego. Que pode achegar o mundo da educación?
O mellor é predicar co exemplo. Se a un neno queremos ensinarlle que o galego vale para todo, temos que facelo coa practica, demostrándolle que as matemáticas poden darse en galego, igual que a literatura, a historia...
Os mestres na educación infantil e primaria son como un pai ou unha nai para os rapaces. A familia e a escola son os dous ámbitos que un rapaz toma como referencia e dependendo do que alí vexa e aprenda, adoptará uns comportamentos ou outros. Se se lle dá a entender que só podemos usar o galego para unhas cousas e non para outras, estámoslle metendo prexuízos na cabeza.
Hai que di que aos rapaces se lles impón o galego nas escola. Ti que opinas diso?
Non hai tal imposición e, por desgraza, o galego segue estando en inferioridade de condicións con respecto ao castelán. Non hai máis que vivir no mundo real como para comprobalo. O castelán está en todas as partes, dende as tendas até os medios de comunicación. E moitos pais galegofalantes diríxense aos fillos en español porque pensan que é unha lingua que vale máis que o galego. Así é que logo os fillos van á escola empregando o castelán. Ese tamén é un mecanismo de impoñer outro idioma fronte ao galego.
Debería haber mais iniciativas para normalizar o noso idioma porque non ten sentido que en Galicia o galego sexa unha lingua de segunda cando é a lingua propia de aquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario