Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 7 de agosto de 2010

Feijóo e a Real Academia Galega

por Manuel Dourado Deira, no Galicia Hoxe:

É realmente triste e lamentable que un presidente de Galicia diga o que dixo da Real Academia Galega, unha institución cuxa primeira e principal obriga é velar pola promoción, renovación e conservación do idioma natural de Galicia; ten que sufriu a afronta que o Sr. presidente de Galicia deste malfadado momento da nosa xa milenaria Historia acusando o ilustre e actual presidente da RAG dunha rara contaminación ideolóxica. ¿Non será xustamente ao revés, Sr. presidente? ¿Non será a súa propia ideoloxía, os intereses partidarios e as súas propias cobizas postas no Goberno central as que o perturban? E, ¿como e por que lle anubou a cabeciña esta sombra de delirio? Pois porque a RAG, no cumprimento do seu deber de velar polo idioma de Galicia non lle gustou nadiña que interpuxese un recurso contra o chamado Decreto do Pluriligüismo. Está no seu deber, reitero, de o facer. Decepcionante e, incluso, punible, cando menos eticamente, sería o contrario: que non o interpuxese. Digo máis: quizais pecou por demasiado tardía porque xa antes o fixeran entidades CIG-Ensino, FETE-UXT e, por suposto, A Mesa pola Normalización Lingüística. E o Sr. Feijóo debe recordar que a RAG non e só o seu presidente, senón toda unha corporación do intelectualmente considerado o melloriño de Galicia. E a ideoloxía de cadaquén como en calquera outra institución é unha opción persoal á que todo cidadán ten dereito, pois na RAG concorre un amplo abano ideolóxico que se dilúe no deber institucional da salvagarda do noso idioma. Pensar cousa distinta é, repito, un delirio. Máis ben tería que ser vostede o que deba reflexionar moi a fondo sobre esa cousa espuria que é o Decreto do Plurilingüismo e retiralo da circulación, porque vostede sabe que ese plurilingüismo é unha artimaña legal para acabar de asfixiar o idioma galego. Sr. presidente, que se lle ve a pluma e o plumeiro da súa intencionalidade, esta si, fortisimamente ideolóxica. Talvez llo impón o autoodio que perturba ao Sr. Rajoy?

Ningún comentario:

Publicar un comentario