por Alfonso Vázquez-Monxardín, no xornal La Región:
Era eu ben pequeno cando me acheguei a unha churreira da festa en Baiona e pedinlle, inducido, 'cinco pesetas de cabuchos de churros'. Porque como vostedes saben, ao faceren os churros, hai uns restos que por pequenos non chegan á categoría de churros e como a palabra 'churrelo' non está inventada que eu saiba, pois pódese referir un a eles, como eu fixen, con ese despectivo diminutivo de 'cabucho'. A verdade é que a boa da señora fixera moitos churros ao longo da tarde ?debían ser as festas da Anunciada- que deixara nunha beira todos aqueles restos de destino incerto. E fíxolle moita gracia a miña solicitude explícita dos cabuchos e púxome un cucurucho tan grande e tan cheo deles que por cinco pesetas case me indixesto, que xa é falar.
E claro, veume á memoria a conto daqueles cabuchos dos churros a propósito das traída e levadas 'cabichas' que estes días andan nos paneis informativos da autoestradas de Galicia. A verdade é que creo que ese costume bárbaro de tirar cabichas desde os coches en marcha está case desaparecido. Primeiro, porque agora a xente fuma menos. Segundo, porque fuma moito, moitísimo menos dentro dos coches, entre outras cousas porque se entende xa prevalece o dereito do non fumador a non estar no receptáculo cheo de néboa, como antes pasaba mesmo no Castromil cando viña un de Santiago. E tamen, claro, porque a xente está moito máis civilizada en xeral, e en canto a condutora, en particular.
E moita xente preguntaba ¿Sabes como se di 'colilla' en galego? E claro, cabicha. Supoño que da mesma raíz que os meus cabuchos de churros, só que en feminino e con ese i máis elegante que o u, pero completando a raíz despectiva e diminutiva do 'cabo' ou 'fin' do cigarro co sufixo 'icha'. Porque xa me dirán se non é ridícula a expresión castelá 'colilla' por moi familiar que hoxe nos resulte. ¿Teñen cola ou rabo os cigarros para ter unha pequena 'colilla'? Así pois que os que se estrañen da palabra galega, pensen na irmá castelá.
Saben vostedes coma min que hai palabras patrimoniais moi diferentes nas linguas (vellas tipo carballo, chuvia) outras máis parecidas, sexan cultismos (xeografía), neoloxismos (televisión) e outros grupos intermedios e diversos. E resulta curioso ver como algúns inventos dos séculos XV e o XIX teñen denominacións moi diversas por non estaren na lingua desde a formación nin pertenceren á globalización neoloxística. Moitas resultan da ampliación de significantes preexistentes. Por exemplo o grifo español, convive coa canilla argentina, a llave chilena ou o caño caribeño. Pero tamén co tap inglés, o robineto italiano, a torneira portuguesa ou a billa ?e cano e torneira tamén coñezo- galegos. E neste grupo, supoño, están as cabichas. Palabra inestable que pasa da xerga ao mundo oficial. En castelán a outra palabra xeral 'pava' ?seguramente en relación con 'pavesa', faísca- quedou marcada como marxinal. Os portugueses chámanlles 'as pontas do cigarro', os italianos, os ingleses? E nós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario