Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 30 de agosto de 2010

As bolachas e o pobo

por Carlos Callón, no Galicia Hoxe:

Foi un destes días na praia. Eu levei as bebidas fresquiñas e o meu mozo trouxo a merenda. Algo de froita, dous bocadilliños e unhas pequenas tortas feitas de fariña que, xunto coas habituais roscas, son moi tradicionais das nosas romarías, aínda que estas non son doces. Acababan de ser as festas de San Roque e de aí procedían. Como el sabe do meu interese polas palabras que aparentan perdidas e nesa semana parecía existir certa polémica sobre a neodialectalización do galego, preguntoume, mentres sostiña unha desas cunha man: "Sabes como lle chama miña nai a estas "galletas das festas"?" Neguei. "Pois chámalle bolachas."
Quedei cunha delas. Esa mesma noite amoseilla a miña nai e pregunteille: "Ti como lle chamas a isto?" Meu irmán Xoán Xosé, que estaba por alí, respondeu antes ca ela: "Chámanse bolachas". Nosa nai sentiu curiosidade polo motivo da miña pregunta, mais antes de eu explicar nada, xa meu irmán se adiantou tamén nesa resposta, amosando os seus dentes nun sorriso pillabán: "Pregúntacho porque as chamamos igual que en portugués". Pareceume tamén curioso que Xoán Xosé, levándome só tres anos, soubese designar ese comestíbel polo seu nome, algo que eu ignoraba de vez. Para min foi toda unha sorpresa que o termo bolacha estivese vivo ao norte do río Miño. Que digo ao norte do río Miño! Que estivese vivo na miña propia casa!
Procurei a palabra nalgúns manuais e dicionarios de galego e non a achei por ningures. Tampouco figura no Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa), que a Academia dispoñibiliza na rede. En galego estándar disque se debe dicir galleta, como a forcada. Finalmente, meu irmán levaba razón: estaban a usar un lusismo! Será que, de súpeto, tanta xente se tornou reintegracionista sen o saber?
Máis que a un andazo de lusofilia, este exemplo lémbrame máis ben a como se foron e van substituíndo determinadas palabras galegas por outras formas españolas que son totalmente desnecesarias. Son moitos os casos nos que convive o vocábulo do noso idioma co introducido a partir do castelán, mais especializando os usos de cada un de acordo cun esquema diglósico. Deste xeito, a forma xenuína fica reservada para o máis tradicional e primario, mentres a interferencia do español ten unha acepción unida ao mundo urbano e moderno. Así, hai quen fala das luras que se pescan e dos *calamares conxelados como se fosen especies diferentes, das billas dos bocois e dos *grifos da auga corrente, da corte das vacas e da *cuadra da equitación, da vasoira elaborada con xestas e da *escoba industrial, da randeeira feita á machada e do *columpio dos parques... E, en fin, das bolachas das romarías e das galletas de mil sabores e formas que se compran no supermercado. A distribución de funcións, con certeza, é un paso previo até a suplantación total da forma propia pola allea.
Haberá quen diga que ao usar lura, corte, billa, randeeira, vasoira ou bolacha se sente como se estivese a falar a través dun tradutor automático e que son termos artificiais, polo que nunca os utilizará, a non ser para os usos primarios antes sinalados. Haberá quen diga que son formas inventadas, que nunca existiron porque nuncas as ouviron ou nunca repararon nelas. Haberá quen diga que a maioría destas palabras son lusismos máis ou menos disimulados. Mais a verdade é que fan parte do tesouro do noso idioma e que podemos aspirar a restauralas para todas as funcións.

O pobo
Algúns dos artigos que publiquei nesta sección en Galicia Hoxe nas semanas pasadas desencadearon unha polémica totalmente inagardada por min. Pouco máis ou menos fixen que procurar divulgar reflexións sobre a progresiva hibridación do galego e subliñar a importancia de tentarmos coidar a lingua. Como dicía no primeiro deses textos -o que tentei que fose máis retranqueiro con esa forma de decálogo brincallón-, poderiamos pórnos como obxectivo factíbel falar no galego coloquial co mesmo grao de corrección que nos autoimpomos cando falamos o castelán coloquial. Esa idea pódese aplicar, é claro, cos outros rexistros.
Sorprendeume que algunha xente considerase tal proposta como unha iniciativa por elaborar unha lingua máis artificial ou artificiosa e que, no entanto, habería que apostar por un idioma "como o que fala o pobo". Cando lin esa opinión veu á miña mente a polémica que xa no século XIX existiu porque a palabra pobo moitos a consideraban ou unha reliquia que non compensaba resucitar ou, sobre todo, unha portuguesización que traizoaba a fala popular. N"O Tio Marcos da Portela do 13 de abril de 1884 dábanse argumentos sobre iso que aínda están de plena actualidade, mais que poden ser aplicados a moitos outros exemplos alén do aí exposto: "¿En que xuncras de badamecos viu vosté que pobo non era palabra gallega? N-os dous dicionarios que temos pode atopala sin moito traballo. Como quen di algo oponse ô emprego d"esa palabra porque a ten a lingua portuguesa. Por ese camiño chegariamos á non poder falar en gallego, pois as mais d"elas d"unha e d"outra fala son o mesmo".
A polémica fíxose moi forte cando se debateu sobre o lema en galego para o monumento que se ergueu na memoria dos asasinados en Carral. Houbo quen considerou lusismos formas como ao e o propio pobo, que hoxe están perfectamente recoñecidas polo estándar oficial do galego. É máis. Se botarmos un ollo ao proceso de elaboración da normativa da lingua galega veremos que moitas palabras ou solucións morfolóxicas que hoxe se admiten sen discusión como correctas foron no seu día penalizadas como lusismos: século, liberdade, estudante, animais, galego...
No acordo ortográfico e morfolóxico ao que se chegou no ano 2003, tras o proceso de diálogo impulsado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, recoñécese de forma explícita a importancia do portugués como modelo a seguir na incorporación de novas palabras, mais iso aínda non tivo a plasmación debida. Así, é incomprensíbel a enorme preocupación que se pon nalgúns ámbitos académicos para varrer todo o que poida parecer un lusismo, cando na dura realidade do día a día nos encontramos abafados por riba, por baixo e por toda a parte de léxico do castelán. Non vaia ser que, de tanto fumigar academicamente contra calquera trazo do portugués, contribuamos tamén a destruír algunhas das seivas nutricias e das defensas da lingua da Galiza. Como se puido ver onte co pobo e hoxe coa bolacha.

Ningún comentario:

Publicar un comentario